O Concello de Pontevedra aposta pola “volta á normalidade” cun concerto especial de Xabier Diaz + Adufeiras de Salitre e Guadi Galego na explanada do Pazo da Cultura

18

 O evento coordinado por I-radia fusiona os ciclos Voices e Matinés do Principal e terá lugar o 4 de xullo ás 20:00h.

Extremaranse as medidas de seguridade e o cumprimento das normativas e protocolos vixentes no momento para acoller un máximo de 600 persoas.

As entradas, a un prezo de 18 € + gastos (20% desconto para desempregados/as) estarán á venda en Ataquilla.com a partir do vindeiro mércores 10. 

A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou a que é a gran aposta do Concello de Pontevedra pola volta á normalidade da cultura e en concreto da música ao vivo. Son numerosos os ciclos – de música, teatro, cinema, libros, etc.- que se levan a cabo ao longo do ano na cidade e que tal e como apuntou Fouces “ esa programación é sinal de identidade dunha cidade na que se traballa a reo para traer o máis representativo do sector cultural e onde a acollida por parte do público adoita ser espectacular. Queremos recuperar esa forma de traballar, ese pulso, por suposto sen descoidar as medidas de seguridade e adaptándonos aos requerimentos das autoridades sanitarias”. A concelleira aproveitou para anunciar a próxima reactivación da actividade no Principal e mesmo no Pazo a vindeira semana cunha exposición.

Todo isto responde á política de non cancelación que se levou a cabo durante o confinamento, buscando diferentes formatos que permitiran levar a cabo a programación ou manter os compromisos para buscar, como é o caso, novas vías de levalos a cabo, especialmente cos artistas galegos que son a nosa prioridade: “Xabier Diaz e as Adufeiras de Salitre estaban programandas para As Matinés do Principal o pasado mes de maio e Guadi Galego para outubro dentro de Voices. Decidimos facer unha fusión de ciclos onde ambos presenten os seus traballos. É unha aposta potente pola cantidade de público que ambos moven pero dispoñemos de  espazos, como a explanada do Pazo da Cultura, que o permiten levando a cabo todas as medidas e adaptando e deseñando o espazo en concreto para este evento.Faremos un esforzo enorme de produción e inversión para que sexa un espazo seguro onde gozar sen medo e con tranquilidade Cumprimos o compromiso que temos coa cultura galega para que se recupere deste golpe e tamén de reactivación da economía, empregando máis de 15 empresas do sector cultural e servizos e preto de 50 persoas. Tamén agardamos que teña impacto no sector da hostelaría e que a xenteque se achegue ao concerto visite e consuma – con sentidiño – na nosa cidade. 

Anter de dar paso aos artistas, Carme quixo apuntar tamén ao esforzo do Concello por facilitar o acceso á cultura de calidade é a música “que son curativas”, cun prezo de 18€ + gastos e 20% de desconto para desepregados cando a suma dos dous concertos por separado era de 36€. Estarán á venda a partir do vindeiro mércores 10 en Ataquilla.com 

Xabier Díaz apuntou na súa intervención á importancia de pasos como o levado a cabo polo Concello de Pontevedra e agarda en que outras Administracións se contaxien e comecen a reprogramar música xa que actualmente “dos 20 concertos que tería entre xullo e agosto, hai polo menos 16 que non sei se se van levar a cabo ou non. Temos a maior parte do traballo entre parénteses. Iniciativas como esta demostran que si se poden facer cousas cando hai intención. Está moi ilusionado co que finalmente será o primeiro concerto da xira “As catedrais silenciadas” que quedara sin comezar sequera por mor do COVID19 e apunta á vinculación especial que ten coa nosa cidade onde botou a andar a súa carreira e tamén actuou xunto a Guadi Galego nunha Praza da Ferraría ateigada. “É un pracer presentalo na Boa Vila” 

Guadi Galego pecharía a súa xira na nosa cidade en outubro. Unha xira da que so chegou a levar a cabo 6 concertos. Emocionada ante esta reactivación xa que “non sabiamos se isto ía pasar, se iamos poder tocar, se o país estaba preparado para dar soporte. Estou moi contenta de que sexa nesta cidade que sempre apostou pola cultura e para min é a cidade cultural de Galiza. Agardo que outras Administracións Públicas e inversores privados galegos se animen, xa que a cultura é motor econonómico e que isto sexa tamén unha oportunidade para os/as artistas galegos/as que as veces non teñen a visibilidade que merecen. Se non é en grandes escenarios, en festas máis pequenas, pero tamén deberiamos reformular o concepto de festa. Convido á xente a vir, imos dalo todo logo de estar meses sen tocar unha nota” 

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre 

“As catedrais silenciadas” supón xa a terceira entrega desta aventura de Xabier Díaz xunto ás Adufeiras de Salitre, ademais dun acompañamento instrumental conciso de zanfonas, violíns e acordeóns. A arquitectura neste novo traballo é sutil, elegante e firmemente arraigada, pero con tanta altura como para que elevemos a mirada e nos marabillemos co espectáculo. 

Cancións creadas polo pobo, sen autor nominal, confiadas de pais a fillos e depositadas finalmente en oídos sabios e ávidos, os de Xabier, que xunto ás Adufeiras acaban por converterse 

en valor seguro. Volvéronse familiares: quizá sorprendan menos que a primeira vez que formularon a súa alianza, pero agradécense como o abrazo que brinda acubillo (e do que tan necesitados andamos estes días). Non salón dás cereixas, a primeira peza que se nos confiou, é un canto de vida, un estalido de colectividade, o amor polo baile e a roda. Pero trátase dunha sensación que se repite noutros moitos momentos, xa sexan muiñeiras, agarrados ou esa delicia, Unha, dúas, tres e catro, que se prende na memoria desde a primeira escoita, seica xa para sempre. 

Guadi Galego: 

“Immersión” é o novo proxecto de Guadi Galego, unha reconstitución de si mesma, da súa propia música. Unha revisión en varias linguas afíns a Guadi, por territorio, cultura e emoción. 

A cantante, que se coñeceu como vocalista de Berrogüetto e que desde entón desenvolve unha interesante carreira, tanto en solitario como en proxectos en colaboración con outros grandes músicos, presenta “Inmersión” dentro do Ciclo Voices e achegaranos desde o mar de Cedeira, de onde vén, ao Pazo da Cultura as novas versións das cancións máis especiais e a súa voz, unha das máis establecidas no panorama musical galego, funcionará como condutor. 

A nómina colaborativa de Guadi Galego en “Inmersión” dá unha idea das características deste proxecto musical: fesde Iván Ferreiro ata o arxentino Lisandro Aristimuño, a creadora e intérprete e jazz catalá Clara Peya, ou Xabier Díaz e Abe Rábade forman parte dunha ampla lista de colaboradores.