Pontevedra amence co reto de borrar a pegada do CO2 das rúas e prazas do centro e dos barrios

50
  • A Concellaría de Promoción da Cidade que dirixe Anabel Gulías realizou na tarde noite de onte unha acción de rúa baixo o lema -CO2 +PO2 que demostrará que co paso do tempo e o uso da propia enerxía dos peóns, eliminarase o dióxido de carbono.
  • É a primeira das propostas da Concellaría para divulgar e explicar o Efecto PO2 entre a veciñanza nunha campaña que se prolongará durante todo o ano, e tamén levará a imaxe de Pontevedra ao exterior.

Esta mañá Pontevedra esperta co primeiro reto da campaña Efecto PO2 que puxo en marcha onte mesmo a Concellaría de Promoción da Cidade que dirixe Anabel Gulías. Trátase dunha acción de rúa en distintos espazos do centro e dos barrios da cidade baixo o lema -CO2 +PO2 Pontevedra espazo público san e seguro que pretende demostrar que canto máis movemento peonil, canto máis PO2, máis se contribúe a borrar a pegada do dióxido de carbono CO2.

A acción de rúa realizouse na tarde noite de onte, venres, en doce puntos distintos da cidade, con moita afluencia de persoas durante todo o día por ser lugares de paso ou de encontro. Puxéronse en:

  • No eixo Michelena – Peregrina – Daniel de la Sota (praza 8 de marzo)
  • Virxe do Camiño
  • Praza do Hospital
  • Benito Corbal
  • Gorgullón
  • Rúa Serra (diante do Mercado)
  • Na praza de Cruz Vermella
  • Praza de España
  • Praza da Audiencia
  • Praza do Burgo
  • Avenida de Lugo
  • Monte Porreiro

A acción demostrará co paso do tempo e co uso da propia enerxía das persoas que a pegada de CO2 irase eliminando, e quedará só o Efecto PO2, un estilo de vida e de respecto polo medio e pola saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo.

Esta é a primeira das propostas da Concellaría de Promoción da Cidade para divulgar o Efecto PO2 entre os veciños e veciñas de Pontevedra, a través dunha campaña de márketing e de comunicación moi intensa que se prolongará ao longo de todo o ano tanto no Concello como no exterior.

Esta primeira acción complementarase con outras anunciadas onte polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira Anabel Gulías como a creación de microvídeos que demostren que o espazo público é a prolongación das casas e espazos de traballo dos pontevedreses e pontevedresas; faladoiros do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores con persoeiros; unha campaña de carteleira específica para explicar na cidade que é o Efecto PO2 que xa se empezou a instalar onte mesmo en sedes administrativas, establecementos… E un programa máis extenso que se irá desvelando nas vindeiras semanas e poñendo en marcha ao longo de todo o verán.

O Efecto PO2 

Desde moito antes de que a emerxencia climática chamase á porta como tal e, moito menos aínda, esta pandemia, Pontevedra xa traballaba arredor de conceptos como a recuperación e democratización do espazo público, a redución de emisións; menos coches, máis cidade; peonalización e calmado do tráfico; a importancia de moverse coa propia enerxía; a redución e a compostaxe dos residuos ou a xestión ecolóxica e racional da auga.

Vinte anos de modelo olístico, vinte anos de Efecto PO2, sinónimo de estilo de vida e de saúde pública que neste momento, e máis ca nunca, coloca a Pontevedra á vangarda mundial das cidades cun espazo público cunha excelente calidade urbana que permite gozar da rúa dun xeito seguro sen ter que recorrer ás medidas excepcionais e, polo tanto, temporais que se están a aplicar noutras cidades.