O Global DXT Team celebrará este sábado a reapertura das fronteiras provinciais cun roteiro ciclista polo Camiño Portugués a Santiago

79
  • O club ciclista patrocinado pola empresa organizadora das 4 Picos, a Epic Race e a Costa Atlántica MTB Tour, estreará a fase 3 cun itinerario de ida e volta entre Pontevedra e a capital galega

O club ciclista Global DXT Team celebrará o vindeiro sábado 13 de xuño entrada na fase 3 da desescalada e a recuperación da mobilidade interprovincial cun percorrido pola Ruta Xacobea. O itinerario organizado, co que se busca poñer en valor o deporte das dúas rodas e festexar a libre circulación por todo o territorio galego, cubrirá un roteiro de ida e volta entre Pontevedra e Santiago de Compostela, con saída e retorno na nosa cidade.

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, aplaude o retorno deste tipo de iniciativas, “ao supoñer un pasiño máis na volta á normalidade do deporte pontevedrés”, e asegura que os seus participantes “aplicarán tódalas medidas de seguridade establecidas para esta fase, incluída a de non superar as 20 persoas (o máximo permitido para a práctica deportiva non profesional ao aire libre)”. “Que mellor xeito de celebrar a circulación interprovincial que desfrutar en bicicleta do Camiño Portugués a Santiago, unha das rutas de turismo activo máis importantes de Europa”, sinala o tenente de alcalde.

O club ciclista que programou o roteiro está patrocinado pola empresa de organización de eventos deportivos Global DXT Pontevedra, artífice de probas como a Pontevedra 4 Picos Bike, 4 Picos Road ‘Clásica Evaristo Portela’, Epic Race Pontevedra e Costa Atlántica MTB Tour.