Tino Fernández acusa á Xunta de “abandonar ás comunidades educativas á súa sorte” e rógalle que “non converta as aulas en bombas de reloxería”

78
  • O edil de Educación recolle “a tremenda preocupación” dos equipos directivos dos centros escolares de Pontevedra “ante a situación de incerteza e a falta dunhas directrices autonómicas claras”

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Pontevedra, Tino Fernández, acusa á Xunta de Galicia de “facer pellas” e de “abandonar ás comunidades educativas á súa sorte” ante “a situación de incerteza e falta de planificación” coa que deben enfrontarse á reapertura dos centros escolares. O edil socialista rógalle a Núñez Feijóo “que asuma dunha vez as súas competencias en materia educativa, facilite ao profesorado e ás Anpa unhas directrices de seguridade e protección claras contra a Covid-19 e non converta as aulas en bombas de reloxería”.

Así llo esixiu Fernández ao ‘popular’ tras manter unha reunión virtual cos equipos directivos dos 20 centros públicos de Infantil e Primaria da cidade, organizada para tomar nota das principais actuacións de mantemento e conservación demandadas polos colexios de cara ao vindeiro curso académico. Tal e como explicou o concelleiro de Educación, o obxectivo deste encontro era o de trazar un plan de obras prioritarias que permita axudar, dentro das competencias do Concello, “a que todo estea nas mellores condicións posibles cando comecen as clases”.

Ademais de facerlle unha listaxe de traballos pendentes, varios directores dos centros escolares trasladáronlle a Fernández a súa “tremenda preocupación” polas “dúbidas e incerteza” que motivan “a ausencia duns protocolos de limpeza e desinfección ben definidos” e a falta de espazo para cumprir cos requisitos de aforo. “Inquiétanlles moitísimo cuestións como a coordinación das horas de entrada e saída dos alumnos aos colexios, a dotación de dispensadores de xel hidroalcohólico ou as limitacións de espazo nas súas instalacións, con centros nos que por exemplo hai un único cuarto de baño para todo o profesorado e o persoal non docente. Algunha directora chegou a afirmar que a reapertura lles parece inviable nas actuais circunstancias ou que terá que elixir entre calefacción ou xel”, subliña o tenente de alcalde.

Melloras no prego do servizo de limpeza

Tino Fernández comprometeuse a mellorar o actual sistema de limpeza na medida do posible e avanzoulles aos responsables dos colexios que o Concello tentará “mellorar a ratio de metros cadrados por limpador no vindeiro prego de condicións para contratar á empresa concesionaria”. Segundo lles transmitiu aos equipos directivos, a Concellería de Educación investiu uns 175.000 en actuacións nos centros escolares de Pontevedra entre xuño e decembro do ano pasado e destinará unha achega de 200.000 euros en dar resposta a boa parte das súas demandas antes de que comece o curso.

O edil do PSOE agarda que a Xunta “saque a cabeza do burato” e abandone esa “estratexia de escapismo e de deixarlles todo o ‘marrón’ aos concellos e ás comunidades educativas e poña enriba da mesa os cartos que son necesarios para facer fronte á nova normalidade educativa”. “Se Feijóo é tan bo xestor, cousa que poñemos moi en dúbida os que temos que sufrir a súa desidia en materia de educación e sanidade, non hai momento como este para que o amose. Coa saúde dos máis pequenos non se xoga”, sinala Fernández.