A plataforma #PonteLovers pon en marcha un proxecto para mellorar a competitividade das pemes turísticas do concello de Pontevedra

225
  • A Concellería de Promoción Económica e a firma Grupo Innovaris colaboran neste plan, que contempla a identificación de necesidades ‘á carta’ e mentorías grupais para empresas

Mellorar a competitividade empresarial das pemes turísticas do noso municipio é o principal obxectivo dun proxecto impulsado pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers en colaboración coa consultora Grupo Innovaris, especializada en turismo e desenvolvemento local. O plan da Concellería de Promoción Económica e Turismo desenvolverase ao longo de varios meses en diferentes fases, entre as que se inclúen a identificación de necesidades ‘á carta’ relativas á xestión empresarial, a posta a disposición de ferramentas de mellora a través dunha plataforma dixital e a realización de mentorías grupais de asesoramento. 

Tal e como explica a concelleira Yoya Blanco, a iniciativa permitirá coñecer así cales son os puntos fortes e de mellora das firmas do sector turístico de Pontevedra, “sendo a propia realidade das necesidades do tecido empresarial a que determine que ferramentas se lles facilitarán para axudalas, precisamente, a corrixir esas debilidades”. Un equipo de expertos de Innovaris encargarase de identificar as necesidades relativas á xestión empresarial (mediante cuestionarios individuais), así como de establecer unha orde de prioridades nas mesmas e de prover ao sector dunha serie de ferramentas.

“Mediante a adaptación destas ferramentas á actividade das firmas, este proxecto contribuirá a enriquecer a oferta actual de instrumentos e plataformas existentes. Realizaranse diversos talleres e levarase a cabo un programa de mentorización para analizar estratexias empresariais, efectuar estudos de viabilidade para realizar investimentos e elaborar plans estratéxicos de empresa mediante 10 sesións de mentoría para grupos amplos, cun máximo de 25 firmas por sesión”, subliña a concelleira de Promoción Económica e Turismo.

As mentorías, coas que se pretende que as pemes turísticas conten con elementos que favorezan a súa consolidación, desenvolveranse de xeito telemático, o que permitirá unha asistencia continuada por parte dos técnicos asignados ao proxecto. 

Unha plataforma dixital con tódolos recursos e ferramentas

O Grupo Innovaris porá a disposición das empresas participantes unha plataforma dixital versátil á que se irán subindo ferramentas e contidos adaptados ás necesidades específicas detectadas, que contribuirán á mellora da competitividade e da xestión das pemes. Entre outros contidos, atoparanse os recursos do Concello dirixidos ás empresas turísticas, información sobre impostos municipais nos diferentes sectores e un inventario de coworking e outros espazos colaborativos.

O proxecto contempla o deseño de material audiovisual e gráfico que facilite a súa comunicación, esencialmente e formato de vídeo explicativo de tres minutos de duración. Ademais de realizarse un labor previo de difusión do plan entre as empresas do municipio, Innovaris tamén celebrará unha sesión informativa inicial dirixida a asociacións e confederacións de empresarios e pemes turísticas. Innovaris tamén participará nunha xornada de presentación final dos resultados do proxecto e que estará dirixida tanto aos representantes do sector participantes no mesmo como ao público en xeral.

O equipo técnico estará formado por un equipo multidisciplinar de profesionais, altamente cualificado, con experiencia, prestixio profesional e de máximas garantías para a prestación dos servizos. O persoal asignado a este proxecto estará composto por un responsable/coordinador e dous técnicos, apoiados por outros dous profesionais con perfís transversais.