A Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet estrea xardíns, varanda e obras de impermeabilización

17
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, supervisa as actuacións, nas que o seu departamento realizou un investimento global de máis de 40.000 €, acompañado polos veciños do barrio

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata a Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet para supervisar, en compañía dos veciños do barrio e do xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, o resultado do paquete de actuacións co que o seu departamento renovou por completo o aspecto deste espazo urbano e logrou mellorar as súas condicións de impermeabilización. A intervención, que supuxo un investimento global de máis de 40.000 euros, traduciuse nun espectacular cambio de imaxe, grazas á renovación vexetal e paisaxística das súas zonas verdes, coa que se puxo a guinda aos traballos desenvolvidos dende principios de ano.

As obras incluíron o peche perimetral de toda a praza cunha varanda, mellorando as condicións de seguridade para que os nen@s poidan xogar con tranquilidade; a instalación de mobiliario urbano (oito bancos e dúas cadeiras) e a renovación de diversas papeleiras que se atopaban en estado de deterioro; a impermeabilización de toda a superficie para previr filtracións de auga e o seu pintado cunha pintura antiesvarante de cor vermella, así como unha limpeza en profundidade con auga a presión.

“O plan de humanización e posta en valor da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet, contratado á firma Jara Jardinería Calvarro SL, rematouse nas últimas semanas coa mellora paisaxística e completa renovación dos seus xardíns, mellorando o estrato arbóreo e potenciándoo coa plantación dalgunha árbore singular. Coa chegada do verán e o levantamento do estado de alarma, a veciñanza do barrio de Pontevedra Leste xa pode desfrutar dunha área de lecer que volveu á vida e que quedou tan fermosa como segura”, subliñou Iván Puentes.

Entre as flores, arbustos e plantas empregados para o proxecto de axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes: agapantos, hedras, cotoneaster, hebes, berberis, loropétalos, olivillas, buxos xaponeses, boneteiros, azaleas e plantas espello, ademais dalgunha árbore de carácter singular. Tódolos parterres foron dotados dunha malla antiherbas coa finalidade de facilitar os labores de mantemento e o deseño paisaxístico baseouse nunha composición de especies arbustivas e tapizantes cunha variada gama de flores de diferentes cores ao longo das catro estacións.

Asemade, os xardíns de Santa Teresa de Jesús Jornet foron dotados dun sistema de rego por goteo que permitirá mantelos en óptimas condicións cun aforro no emprego de auga (instalouse unha tubaría de polietileno conectada á rede e unha mangueira de goteo).