Os Vermús de Pinto e Maragota volven ao Campiño de Santa María o sábado 29 co recital poético de Lucía Aldao e Andrea Nunes ‘Déboche unha’

45
  • As poetas xuntaranse neste recital a dúas voces a partir das 21:00 horas para pagaren, con amor e humor, a súa débeda vital coa poesía. Haberá vermús con desconto no Pavero e La Hormiga 

Os Vermús de Pinto e Maragota, promovidos pola Concellería de Igualdade, volverán o vindeiro sábado 29 de agosto ao escenario do Campiño de Santa María co recital poético ‘Déboche unha’, que protagonizarán as poetas Lucía Aldao e Andrea Nunes. Trátase dun recital a dúas voces nos que, como sinala a edil responsable da área, Yoya Blanco, ámbalas artistas “xuntaranse para pagaren, con amor e humor, a súa débeda vital coa poesía, e compartir co público asistente a escolma dos textos que lles fixeron amar a literatura e conciliar coa vida, esas primeiras lecturas nas que celebraron atoparse”. “Haberá coma sempre vermús galegos con desconto nos bares Pavero e La hormiga”, avanza.

Lucía Aldao (1982, A Coruña) traballa profesionalmente na poesía escénica dende 2005 coa tamén poeta María Ledo, coa que forma ‘Aldaolado’ e crea espectáculos de poesía aderezados con humor e música, xirando continuamente polos escenarios máis variados. ‘Todo isto era noite’ (Apiario, 2018) é o seu primeiro poemario en solitario.

Andrea Nunes (1984, Marín) vencellou dende os seus comezos a actividade poética e o activismo feminista. ‘Corrente de esquecemento’ foi o primeiro dos seus libros (2007), editado por Aturuxo. Os seus versos foron publicados en numerosas revistas, xornais e libros colectivos. O seu segundo libro ‘Todas as mulleres que fun’ (2011) foi finalista nos premios AELG. Escribiu o seu último libro, conxuntamente con María Rosendo, ‘Diáspora do amor balea’, gañando o XII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas no 2017.

Nunes pertence ao colectivo As Candongas do Quirombo (https://vimeo.com/20281643) e á plataforma de crítica literaria feminista A Sega (https://www.asega-critica.net/).