A veciñanza coñecerá o proxecto da ‘nova’ praza de Barcelos a final de ano

57
  • Mellorará os itinerarios peonís no perímetro da praza para favorecer a actividade económica dos negocios que circundan o recinto
  • Reorganizaranse as áreas dedicadas a xogos infantís, xogos deportivos e estancia, e reordenarase o espazo dedicado a aparcadoiros

A praza de Barcelos é a zona de esparcemento dun dos barrios con maior densidade de poboación de Galiza e o Concello está rematando o estudo integral para reformala de acordo con estándares de calidade urbana e que dea cabida á convivencia de usos sociais, de lecer e económicos. Segundo explicou o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez antes de final de ano o proxecto de reforma estará rematado e iniciarase un rolda de contactos para a súa posta en común cos axentes da zona.

A idea principal é que a praza, que agora funciona como unha zona pechada, mude a súa fisonomía e sexa percibida como un espazo máis aberto e máis atractivo, tanto para os xogos e lecer infantil, como para a estancia e o seu uso comercial e económico. “Será un novo centro de referencia para actividade social, económica e lúdica na cidade” asegurou Demetrio Gómez. Para facelo posible, está elaborando o proxecto de reforma o estudo de 2C Arquitectos, dirixido por un arquitecto pontevedrés e que precisamente fixo boa parte da súa vida na propia praza de Barcelos.

Os criterios que se están a manexar para a elaborar este proxecto de reforma pasan por reorganizar as distintas zonas da praza para dedicar máis espazo ao esparcemento, tanto para os usos da praza como para a circulación a través da mesma.

Outro obxectivo é o de conectar o centro con dous dos barrios da cidade, o de San Antoniño e Fernando Olmedo, reorganizando a circulación perimetral que se fai na praza tanto a peonil como a de tráfico rodado.

A reforma debe atender tamén á dinamización económica dos negocios instalados no perímetro da praza, onde coexisten negocios hosteleiros, comercio e servizos, proporcionando tanto espazos peonís nas mesmas condicións que as outras zonas comerciais da cidade como solucións para o tráfico necesario para o fornecemento de ditos negocios.

Por último, o proxecto debe abordar tamén unha conexión entre a propia praza e un espazo tan emblemático como o Convento de Santa Clara.

Solucionar problemas actuais

Demetrio Gómez fixo unha análise dos principais problemas que presenta na actualidade a praza, froito de intervencións parciais, e que se pretenden resolver de xeito integral no proxecto de reforma:

– Fluxos de circulación pouco axeitados tanto para peóns como para vehículos, e espazo inzado de barreiras para a circulación peonil

– Zonas dedicadas a estacionamento que invaden beirarrúas e beirrúas demasiado estreitas

– Usos mal distribuídos: actualmente a zona de xogos infantís, o patio escolar, o acceso ao centro de saúde e as zonas de xogos deportivos ocupan unha cuarta parte do espazo da praza, quedando o resto sen uso

– Problemas de circulación dentro da propia praza

– Problemas no mantemento da pavimentación, tanto na propia praza como na calzada

– Necesidade de redeseño de elementos urbanos como as bocas das entradas de peóns do aparcadoiro subterráneo e necesidade de ampliar as zonas de sombra