A Concellería de Deportes destina 10.000 € a renovar as instalacións do Pavillón de Santo André de Xeve

76
  • Os traballos de mellora serán executados pola empresa Acevi e incluirán un acolchado de seguridade na bancada e a reparación dos vestiarios e da estrutura translúcida da fachada

A Concellería de Deportes investirá unha achega de 10.028,12 euros na contratación das obras para renovar as instalacións do Pavillón de Santo André de Xeve. Os traballos de mellora serán executados pola empresa Acevi Actividades de Construción e incluirán o acolchado de seguridade da bancada e a reparación dos vestiarios (esencialmente fechaduras, manillas e alicatados) e da estrutura translúcida da fachada.

As actuacións, impulsadas polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “permitirán asegurar o ‘esqueleto’ do Pavillón, mediante a suxeición da estrutura de translúcidos da fachada”, soldando as placas de base e os elementos e pezas necesarias que afirmen a súa estabilidade, retirando as fixacións actuais e colocando unhas novas con tacos metálicos e varillas empotradas con resina e protexendo tódolos elementos con imprimación antioxidante e dúas mans de esmalte. No que atinxe ás reparacións interiores, arranxaranse as pechaduras e manillas das portas dos vestiarios (catro unidades), reporase o alicatado caído en paredes (aproximadamente 6 metros cadrados) e selaranse as xuntas dos pechamentos para impedir a entrada de animais silvestres.

“Asemade -explica Tino Fernández- acolcharase a grada de formigón cunha base de 40 mm. de grosor de espuma de poliuretano fixada ao soporte e o forrado con tela de PVC de 1 mm. de espesor”.

Acevi efectuará a xestión dos residuos derivados das obras mediante a retirada e entrega dun contedor de 7 metros cúbicos de capacidade para Residuos de Construción e Demolición (RCD) a un xestor autorizado pola Consellería de Medio Ambiente.

Reparación das escaleiras do Pavillón Municipal dos Deportes

Por outra banda, o departamento que dirixe o socialista Tino Fernández tamén vén de contratar á firma Ogando Durán SL por un importe de 1.344,73 euros o subministro de material de construción para realizar obras de reparación nas escaleiras das bancadas do Pavillón Municipal dos Deportes.