Medio Natural propón unir a senda Vilagacía-Portas coa a futura vía verde ata Arcade a través da ponte de Lérez, a Ruta Xacobea e outros camiños preexistentes

35
  • Nun encontro con Quique Pérez, voceiro de Pedaladas, Iván Puentes e Tino Fernández anuncian que manterán reunións con Renfe e Adif para desbloquear a vía entre Pontevedra e Ponte Sampaio
  • Puentes lembra que nos 17 quilómetros que separan Portas de Lérez “apenas hai vía ferroviaria en desuso, pero poderíase aproveitar o eixo do Camiño de Santiago e doutras vías usadas polos ciclistas”

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, acaba de poñer enriba da mesa unha proposta para deseñar, en colaboración coa asociación Pedaladas, unha ruta que permita unir a senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez, a Ruta Xacobea e outros camiños preexistentes empregados polos ciclistas. A idea foi plantexada esta mesma mañá durante un encontro que o edil socialista e o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, mantiveron co voceiro do colectivo ciclista, Quique Pérez, quen recolleu a luva desta proposta e comprometeuse a trazar un bosquexo dos roteiros que permitirían salvar os aproximadamente 17 quilómetros que separan Portas de Lérez.

Non obstante, tal e como constatou Puentes, salvo no treito da Portela (no concello de Barro), entre ámbalas localidades “non hai practicamente ningunha zona de vía vella de ferrocarril que estea en desuso”, pero “si que a través do Camiño de Santiago, doutros camiños forestais, vías e infraestruturas preexistentes, é posible chegar ata Pontevedra e proxectar a inserción nesa futura senda verde ata Ponte Sampaio e Arcade da antiga ponte do ferrocarril entre Lérez e Monte Porreiro, que xa temos cedida ao Concello e que imos poñer en valor, e finalmente conectala coa Estación de Trens da cidade”. 

“Poder conquerir a vía verde entre Pontevedra e Arcade é un obxectivo importante, pero cremos que hai que darlle un sentido moito máis amplo. Temos aquí ao lado aos concellos de Vilagarcía, Portas e Caldas, que están a traballar moi activamente nesa fantástica idea da vía verde ata Portas, e a nós gustaríanos conectala coa futura senda verde a Arcade. Para iso, xa que eles coñecen perfectamente tódalas trazas de camiños antigos, pedímoslle a Pedaladas que nos axude cunha proposta que sexa asumible para o tráfico ciclista e peonil”, explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

Quique Pérez amosouse “contento” de que se vaian dar os primeiros pasos de cara a destinar a vella ponte do tren de Monte Porreiro a tránsito peonil e ciclista e que tamén se plantexe a conexión entre Portas e Lérez, xa que “a pesar de ser un tramo pequeno, converterase nun elemento básico para facer unha futura vía verde entre Vilagarcía e Vigo”.

Tal e como lle avanzaron Tino Fernández e Iván Puentes ao voceiro de Pedaladas, a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Desenvolvemento Sostible xa solicitaron encontros con Renfe e coa Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) en Madrid “para ver se desbloqueamos dunha vez a cesión das vías do ferrocarril ao Concello e podemos poñer en marcha o proxecto de creación dunha senda verde ciclista e peonil entre Pontevedra e Arcade”.

Aparcadoiros para bicicletas a disposición dos centros

Durante o encontro co voceiro de Pedaladas tamén se tratou a proposta da Concellería de Educación de Pontevedra para poder dotar aos centros escolares de Primaria do municipio de aparcadoiros de bicicletas, unha demanda da comunidade educativa que xa era moi importante, pero que, froito das dificultades dos protocolos motivados pola pandemia, este ano se acentuou aínda máis. “As reticencias das nais e pais a que os seus nen@s empreguen o transporte escolar é maior, polo que a Concellería -adiantou Tino Fernández- porá a disposición das direccións dos colexios nos vindeiros días a posibilidade de instalar eses estacionamentos de bicis, de xeito que aqueles que queiran poidan levar aos fillos en bicicleta ata o colexio, fagan deporte cun medio de transporte sostible e, ao mesmo tempo, poidan deixar as bicicletas no propio centro até a hora de saída con total seguridade, recollelas e volver para casa nelas”.