Benestar Social e ASSEII colgarán unha pancarta no balcón do Consistorio para conmemorar o Día Mundial do Paciente Ostomizado o 3 de outubro

12
  • A iniciativa forma parte das accións que se desenvolverán nestes días para sensibilizar á sociedade sobre a situación das persoas portadoras de ostomías e desestigmatizar aos pacientes

Baixo o lema ‘Pon unha bolsa na túa vida!’, a Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII) iniciará esta semana diversas accións de visibilización para conmemorar o Día Mundial do Paciente Ostomizado, que se celebra o vindeiro 3 de outubro. Coa finalidade de amosar o seu apoio a esta campaña, coa que se pretende sensibilizar e concienciar á sociedade sobre as carencias e necesidades das persoas portadoras de ostomías e desestigmatizar aos pacientes axudándolles a normalizar a súa situación, a Concellería de Benestar Social de Pontevedra e ASSEII colgarán o sábado do balcón da Casa Consistorial da Praza de España unha pancarta reivindicativa.

Tal e como lembra a presidenta do colectivo, Ángela Paz, “son moitas as persoas ás que se lles realiza unha ostomía ao longo do ano”. “En España existen arredor de 100.000 persoas ostomizadas e cada ano prodúcense máis de 13.000 novos casos, segundo os datos da Sociedade Española de Enfermería Experta en Estomaterapia (SEDE). Na provincia de Pontevedra existen 2.000 persoas con bolsas de ostomías e en Galicia 5.000”, subliña Paz.

Unha ostomía é un proceso polo cal se forma unha apertura ou saída dun órgano á superficie da pel, co obxecto de recoller os refugallos que produce o corpo humano nun dispositivo en forma de bolsa. Dita abertura ou saída recibe o nome de estoma. A través do estoma evacúanse as feces ou a ouriña, así como os gases que son recollidos nunha bolsa.

As principais causas polas cales é necesario realizar unha ostomía son: cancro de colon, cancro de recto, diverticulite con peritonite intensa, infartos intestinais, traumatismos graves de accidentes, problemas anais complexos, o cancro de recto baixo e avanzado, tumores complexos do ano, colites ulcerosa complicada e Crohn.

As dificultades para manter unha vida social activa

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, sinala que “só as persoas ostomizadas saben da dificultade de baleirar ou cambiar unha bolsa de ostomía, que implica que teñan que baleirar as feces ou ouriños nos inodoros de xeito regular e que, para facelo, algúns teñan que agacharse, outros sentarse de fronte, de lado, aínda que a mellor forma sería facelo de pé”. “Teñen dificultades para baleirar a bolsa de ostomía nun aseo público, cando se realiza o baleirado pódense producir accidentes: salpicaduras, manchas, queimaduras da pel… Pero a maior dificultade é non ter unha vida social activa, polo medo a saír de casa e non saber nin como nin onde baleirar as súas bolsas, xa que os establecementos públicos non dispoñen de aseos adaptados ás súas necesidades ao non poder realizar operacións de baleirado ou cambio de bolsa de forma hixiénica”, constata o edil socialista.

Ángela Paz lembra que, en España, as normas técnicas establecidas na lexislación vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas regulan as características que deben ter os aseos públicos para que sexan accesibles. “Non obstante, dita regulación está pensada para persoas con mobilidade reducida (persoas en cadeiras de rodas), pero esquécese de regular a accesibilidade dos aseos para persoas con outro tipo de discapacidades, por exemplo as persoas ostomizadas”, apunta a presidenta de ASSEII.

Tentar concienciar ás entidades públicas e privadas para que entendan a necesidade de regularizar a instalacións de baños para persoas ostomizadas é precisamente un dos obxectivos das accións organizadas en torno ao 3 de outubro.

A cidade de Pontevedra conta con aseos adaptados para o baleirado de bolsas de ostomía no Complexo Hospitalario de Montecelo e é ademais pioneira no ámbito da hostalería, tras inaugurar recentemente o primeiro aseo de España para ostomizados nun establecemento hoteleiro, o Hostel Acolá Rooms (rúa Herreros).