As axudas Supera20 mantén aberto o prazo de presentación cando xa recibiu máis de medio cento de solicitudes

90
  • Hostalería, academias, téxtil e perruquerías as actividades económicas que máis axudas presentaron até o de agora.
  • As persoas e micropemes interesadas poderán presentar as súas peticións até o vindeiro mércores, 14 de outubro, ás doce da noite a través da sede electrónica.

O Concello de Pontevedra mantén aberto o prazo para a solicitude das axudas Supera20 para autónomos e micropemes que recibiu, polo de agora, 56 peticións. Esta liña de subvención dotada con 1.250.000 euros e que permite financiar proxectos até 5.000 euros, estará aberta até o vindeiro mércores, 14 de outubro, incluído.

Polo de agora as actividades económicas que máis solicitudes presentaron foron academias e hostalería, seguido de téxtil e perruquería. Pero tamén se recibiron solicitudes de axencias de viaxe, artes gráficas, comercio de alimentación, floristarías, comercio de xogues, de mobles, despachos profesionais, fisioterapia e acupuntura, informática ou publicidade.

A convocatoria Supera20 está destinada a accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais con atención directa ao público que tivesen suspendida a súa actividade durante o estado de alarma.

Subvenciona 5 liñas de actuación: dixitalización e implementación de tecnoloxías dixitais; mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética; e outras actuacións necesarias para a mellora da actividade, como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates.

Está dirixida a persoas traballadoras autónomas e a entidades da economía social e microempresas que empreguen a menos de 10 persoas. Contemplan unha porcentaxe subvencionable que poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto, e a contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude; así como un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida. 

O Concello de Pontevedra habilitou dous números de teléfono de asesoramento ou para solicitar cita e ser atendidos en persoa na oficina Supera20 instalada na rúa Dona Tareixa. Os horarios de atención serán de 09.00 a 14.00 horas e os números de teléfono 618385048 e 681264835.

A oficina Supera20 céntrase no asesoramento para que todas as persoas e microempresas solicitantes presenten a documentación correctamente en tempo e forma e evitar, na medida do posible, posteriores requirimentos e correccións. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores xa ten anunciado que no caso de ser necesario pódese facer unha nova convocatoria ou ampliar a dotación económica das axudas.