Pontevedra reclámalle á Xunta máis de 400.000 € dos gastos sociais derivados da crise sanitaria

32
  • O alcalde en funcións, Tino Fernández, lembra que a Administración municipal aínda non viu “nin un can” dos cartos que o Goberno autonómico recibiu do Estado para transferirlles aos concellos

O alcalde en funcións, Tino Fernández, anunciou esta mañá que o Concello reclamaralle formalmente á Xunta de Galicia o reembolso da cantidade que a Administración municipal leva investida na área de Benestar Social por mor da crise sanitaria, e cuxa contía ascende a máis de 400.000 euros. Tal e como constatou o socialista nunha comparecencia posterior á Xunta de Portavoces celebrada hoxe, Pontevedra leva facéndose cargo do gasto social motivado pola pandemia “en solitario” dende o mes de marzo e os pontevedreses “aínda non vimos nin un can” dos cartos que o Goberno galego ten recibido do Estado para transferirlles aos concellos.

Entre os investimentos que a Xunta lle debe ao Concello, e que se traduciron nun esforzo económico histórico por parte da Concellería de Benestar Social, inclúense os 200.000 euros destinados a Axudas de Emerxencia e Axudas Covid-19, 84.000 para gastos derivados do estado de alarma, como os albergues de Raíña da Paz e o Multiúsos da Xunqueira, 30.000 para os nenos de Servizos Sociais que quedaron sen comedor escolar e 80.000 para o reparto de comida entre as persoas máis vulnerables (non se contemplan aquí os 194.000 para o Servizo de Axuda no Fogar). Asemade, o departamento que dirixe Marcos Rey vén de pechar un convenio co Banco de Alimentos que conta cunha achega municipal de 15.000 euros e que está especificamente orientado a paliar as situacións de necesidade que se viron incrementados nestes meses polo impacto da Covid-19.

“Estamos a falar de 400.000 euros destinados a cuestións que tiña que asumir a Xunta, para as que a Xunta recibiu cartos do Goberno de España, pero dos que nós aquí en Pontevedra non vimos nin un can. E un remata un pouco cansado de se-lo ‘pagafantas’ de todo. Estamos dispostos a seguir achegando e colaborando, como estamos a facer coa limpeza dos comedores escolares, outro tema que lle compete á Xunta. Non imos escatimar nin en esforzos nin en gastos, pero tampouco imos ser os parvos da película. Non é de recibo que se nos abandone aos concellos e despois se vendan xestións que non se fan. Por este motivo, remitiránselle á Xunta as cantidades desglosadas para que as reembolse e pediráselle que asuma as competencias que lle corresponden”, suliñou o alcalde en funcións.

En opinión de Fernández, a desidia de Feijóo á hora de aboar o diñeiro que se lle debe aos concellos pon de manifesto “a actitude de abandono da Xunta, tanto no ámbito sanitario, con situacións de improvisación, incoherencia e escurantismo nas que non se nos facilitan datos fiables nin se apreza vontade de mellorar os servizos a pesar do complicado contexto; como no educativo, no que os problemas se van resolvendo sobre a marcha, moitas veces máis pola vontade da comunidade educativa que pola da propia Xunta, como aconteceu cos comedores escolares, que foron posibles por un empeño da Fanpa que lle custou varios protocolos e unhas cantas reunións, ou co tema das clases semipresenciais, que segue sen resolverse co curso xa empezado”.

“O señor Feijóo anuncia moito, critica moito, pero á hora da verdade, esas cousas que anuncia nunca se chegan a concretar. As necesidades das persoas non se arranxan con soflamas nin con críticas, arránxanse con cartos, que permiten atender á xente”, sinala Fernández.

Vacinados contra quen auguraba cataclismos pola peonalización

Preguntado polas críticas do PP en relación ao corte da rúa Raíña Vitoria e ao respaldo da súa compañeira Yoya Blanco aos comerciantes da zona, o voceiro do PSOE afirmou que “o Partido Popular leva moitos anos moi perdido e non entende realmente cal é o sentir das veciñas e veciños de Pontevedra”. Na súa opinión, os ‘populares’ teñen “unha perspectiva moi curta do que é a política e da estabilidade deste goberno” se pensan que poden aproveitar o peche ao tráfico dunha rúa “para tratar de erosionalo e desestabilizalo”. “Non o van conseguir -aseverou Tino Fernández-, sobre todo porque o PP nunca plantexa alternativas razoables, só críticas, con pouca seriedade e cheas lugares comúns. Practican unha política de baixa altura. Eu acabo de falar de prioridades como darlles de comer aos nenos e aos adultos e de limpar os colexios para que estean en boas condicións, e iso ao PP parece importarlle pouco, porque non vexo que fagan ningunha presión ante a Xunta para que a situación mellore”.   

O alcalde en funcións lembrou que o corte de Raíña Vitoria é provisional, polo que “haberá que darlle tempo para ver se funciona ou non”. Neste sentido, o edil socialista apostilou que os pontevedreses “estamos bastante vacinados contra aqueles que auguraban cataclismos cada vez que se producía unha peonalización e que meses ou anos despois acabaron por admitir que non só non había tal cataclismo, senón que se trataba dun beneficio”. “Démoslle unha oportunidade ás cousas. Se non funciona o peche de Raíña Vitoria estamos a tempo de cambiar. Pero se non lle tivesemos dado unha oportunidade á peonalización en Pontevedra, hoxe estarían pasando milleiros de coches por diante do Concello. Cando se peonalizou a Praza de España díxose que isto era o inferno e que a cidade se ía ao garete”, apuntou Fernández.

Os asuntos que irán ao Pleno do vindeiro luns

A Xunta de Portavoces presidida por Tino Fernández, que contou coa presenza de Carme da Silva (BNG), Rafa Domínguez (PP) e Goyo Revenga (Ciudadanos), serviu para tratar os asuntos que irán ao Pleno que se celebrará o vindeiro luns 19 de outubro ás 11:00 horas no Teatro Principal. Unha das cuestións máis relevantes desta sesión plenaria será a disolución e supresión do organismo autónomo Pazo de Congresos e Exposicións, “que creaba algunhas disfuncións semellantes ás que xerou no seu momento o Instituto Municipal dos Deportes (IMD)” e cuxas funcións serán asumidas por un Servizo de Infraestruturas Culturais.

Ademais dunha revisión das tarifas dos taxis, o Pleno tamén debaterá catro mocións: dúas relativas ao corte da rúa Raíña Vitoria de PP e Ciudadanos e outras dúas dos ‘populares’ instando ao Goberno de España a defender a orde constitucional e solicitando a adhesión do Concello ao programa autonómico Xantar na Casa.