O aparcadoiro de Valdecorvos, pendente da meteoroloxía para a súa apertura

109
  • Precísanse entre 7 e 10 días sen chuvia para proceder ao asfaltado e pintado e dar as obras por rematadas
  • Este novo aparcadoiro de bordo terá preto de 60 prazas e responde a unha demanda do comercio da zona leste da cidade

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, acompañado do director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas e de técnicos da empresa EC Casas, visitou esta mañá as obras de acondicionamento da parcela na que se abrirá nas vindeiras semanas o aparcadoiro de bordo de Valdecorvos. Demetrio Gómez informou que “as obras están practicamente rematadas e agora é necesario esperar a que seque o xabre antes de proceder a asfaltar e pintar, para o que se precisan da orde dunha semana ou dez días seguidos sen chuvias”.

O concelleiro informou que este novo aparcadoiro de bordo contará con preto de 60 prazas coas que “imos completando a carencia de aparcamento que tiñamos pola zona leste e que ademais era un compromiso co comercio desta zona de Pontevedra”. As obras de acondicionamento da parcela teñen un orzamento de 46.500 euros e consistiron en habilitar dúas plataformas, en dúas alturas, con entrada pola rúa do Prado Novo e saída pola rúa das Fragas, para conectar directamente con Loureiro Crespo.

Demetrio Gómez lembrou que ao aparcadoiro de Valdecorvos se lle sumará o proxectado nunha parcela de titularidade municipal na Parda, situada detrás da estación do tren, que abranque deste a rúa Otero Pedrayo e ata a rúa Tomás y Valiente. Para o aparcadoiro de bordo da Parda estase neste momento realizando o proxecto técnico para a súa execución, así como para determinar a súa capacidade. Está previsto que esta parcela  conte con acceso para vehículos desde a rúa Otero Pedrayo e Entrevías  e, a maiores, se  habilite unha conexión peonil coa rúa Tomás y Valiente, na zona dos Xulgados.