O Concello licita a contratación do control de acceso a varios edificios municipais

6
  • Trátase dun servizo para dotar de persoal as entradas do chalet Fontoira, a Casa Azul e o edificio de Ferreiros e controlar o acceso do público atendendo ao cumprimento das medidas de prevención da Covid
  • Tamén se aprobou o acordo marco para o subministro de material de hixiene, desinfección e equipos de protección individual e sanitaria 

A Xunta de Goberno local aprobou na súa sesión desta mañá a apertura de dous expedientes de contratación relativos a atender as necesidades xurdidas tras a pandemia da Covid. 

Dunha banda, deu luz verde á licitación da contratación do servizo de control de accesos en tres edificios municipais: o edificio da rúa dos Ferreiros, o chalet Fontoiro sito na rúa Xofre de Tenorio, e da Casa Azul sita na rúa Sor Lucía. Este contrato sae cun orzamento  anual de contratación de 189.104,85 euros para cubrir o servizo nos tres edificios. O contrato ten unha duración de 3 anos, con posibilidade de prórroga de 2 anos máis.

O servizo consistirá dotar estas dependencias municipais de persoal titulado e formado en control de accesos. A súa función sería, basicamente, atender ao público na entrada destas dependencias en cuestións como organizar a entrada de persoas evitando aglomeracións e comprobando as citas previas e garantindo o cumprimento dos protocolos e medidas de prevención da Covid, con respecto ao uso de máscaras e do xel hidroalcólico.

Doutra banda, a Xunta de Goberno local tamén aprobou o acordo marco para o subministro de artigos de material de hixiene, desinfección e equipos de protección individual e sanitaria fronte á Covid. O orzamento de contratación é de 129.808,80 para un ano, e sería  prorrogable ata 5 anos de exercicio en exercicio.