Intervención na homenaxe aos pontevedreses represaliados o 12N

7

Boa tarde a todos e a todas,

Hoxe cúmprense 84 anos do asasinato de dez pontevedreses na Caeira e, como cada mes de novembro, conmemoramos esta data para honrar a dignidade de todas as vítimas do terror franquista e combater o silencio que, durante demasiado tempo, ocultou unha parte esencial da nosa historia e da nosa memoria colectiva.

Desde o Concello de Pontevedra non estamos dispostos a deixar caer no esquecemento o asasinato destes dez pontevedreses que, ao igual que tantas outras vítimas ao longo e largo do país, constatan a peor cara dun tempo de terror, de represión, de exilio e de persecución de persoas, de ideas e de liberdades.

E como todos os anos aproveitamos esta homenaxe para volver nomealos un a un, porque seguir pronunciando os seus nomes e apelidos, en voz alta e en público, é unha das maneiras de manter accesa a súa memoria.

Lembramos os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana, os mestres Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá, e Benigno Rey Pavón, o editor Ramiro Paz Carvajal, o avogado José Adrio Barreiro, o xornalista Víctor Casas Rey, e o capitán Juan Rico González.

Conmemoramos para non esquecer, pero tamén para seguir completando esa parte do relato que a historia oficial amordazou e deturpou. Por iso son tan valiosos todos os testemuños que, ano tras ano, imos compilando da man das familias que padeceron en carne propia as consecuencias da represión e que veñen participando nestas homenaxes.

A través de recordos persoais, de cartas, documentos, ou relatos herdados por transmisión oral de xeración en xeración, imos ampliando e botando luz sobre esa parte escura da historia que tanto custa introducir nos libros oficiais.

Neste afán por dar a coñecer e rescatar eses relatos que, habitualmente, permanecen recluídos en contextos familiares, este ano quixemos centrarnos nunha das consecuencias máis dramáticas daquela época de terror: o exilio. Esa diáspora forzosa nacida da inxustiza e da violencia que desangrou este país e que, na práctica, condicionou a identidade de sucesivas xeracións de galegas e de galegos exiliados polo mundo adiante e que quedaron afastados, para sempre, da súa patria.

Na súa memoria, volvemos reivindicar a necesidade de revertir o esquecemento e a impunidade dos crimes cometidos durante a ditadura franquista e volvemos reclamar recoñecemento, xustiza e reparación para todas as vítimas e para as súas familias.

Esta conmemoración do 12 de novembro non é só un acto de lembranza do asasinato infame de dez pontevedreses por defender os valores da liberdade e da democracia, é a nosa declaración de principios a prol do recoñecemento de todas as persoas que padeceron persecución e violencia durante a guerra e a ditadura, e da nosa intención de manter sempre vivo o exemplo de digninade e humanidade que nos legaron.

Moitas grazas