Comezan as obras de arranxo do carril bici na avenida Bos Aires

32
  • Os traballos realizaranse nun tramo de 600 metros e van encamiñados a subsanar os desperfectos ocasinados por filtracións e polo seu uso continuado
  • A Concellaría de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos acometerá, a partires do vindeiro mércores, as últimas obras de rehabilitación da capa de rodadura nas rúas da cidade previstas para este ano

A área de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, xestionada pola concelleira Eva Vilaverde, ten previsto iniciar os traballos de reacondicionamento do carril bici na avenida Bos Aires en canto remate a intervención que está realizando na rúa Médico Ballina. Os traballos no carril bici van encamiñados a subsanar os desperfectos ocasionados por mor de filtracións e acumulación de auga, así como o deterioro derivado do seu uso continuado, polo que ademais da reposición de firme tamén se realizarán obras de drenaxe. A intervención realizarase nun tramo de 600 metros e está coordinada co departamento de Parques e Xardíns.

O equipo de mantemento que se ocupará do reacondicionamento do carril bici na avenida Bos Aires está nestes momentos rematando a súa parte das obras na rúa Médico Ballina. Convén lembrar que a de Médico Ballina é unha intervención, coordinada entre as concellarías de Obras Urbanas e Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, na que se están rehabilitando os circuítos peonís e na que tamén se inclúe a creación de prazas de aparcamento de servizos e a dotación de mobiliario urbano accesible nas zonas de esparexemento e descanso. O remate da intervención en Médico de Ballina e o inicio do reacondicionamento do carril bici na avenida Bos Aires están supeditados ás condicións meteorolóxicas da vindeira semana. 

As condicións metereolóxicas tamén condicionaron o desenvolvemento dos traballos da segunda fase das obras de rehabilitación da capa de rodadura en tramos de diversas rúas da cidade nos que se localizaron problemas de desperfectos e deterioro.

Aínda que maior parte destes traballos se realizaron ao longo do mes de outubro, as chuvias impediron que se completara a planificación inicial. Por esta razón, a partires do mércores da vindeira semana está previsto que se acometan obras de reposición da capa de rodadura en tres localizacións pendentes: na glorieta Doce de Novembro coa rúa Teixoeira, na rúa Eduardo Pondal,  e na praza de Barcelos con Perfecto Feijóo.