Desenvolvemento Sostible acomete a poda das árbores do contorno da igrexa de Campolongo

34
  • A actuación, na que participan catro operarios cunha grúa de 25 metros, inclúe a poda de seguridade duns tulíperos de Virxinia de máis de 20 metros, de varios freixos e dunha moreira
  • Os traballos da Concellería que dirixe Iván Puentes, demandados pola Xunta Parroquial e a Asociación de Veciños de Campolongo, tamén incluíron á tala e retirada dun ciprés seco e en mal estado

Unha brigada de catro operarios está a realizar dende primeira hora desta mañá, coa axuda de motoserras e dunha grúa cun brazo de 25 metros de altura, unha poda de seguridade en tódalas árbores existentes no contorno da igrexa de San Xosé de Campolongo e outras zonas verdes adxacentes. Os traballos, impulsados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural a demanda da Xunta Parroquial e a Asociación de Veciños de Campolongo, incluíron a poda duns tulíperos de Virxinia de gran porte (de máis de 20 metros de altura), de varios freixos e dunha moreira, e a tala e retirada dun ciprés que se atopaba moi seco e en mal estado de saúde.

Tal e como explica o concelleiro socialista Iván Puentes, “estas podas de seguridade tiñan bastante prioridade, xa que en breve se realizarán obras de rehabilitación na igrexa e algúns exemplares que están pegados ao edificio entorpecían a execución destes labores e, ademais, tupían as canalizacións con follas, causando humidades e filtracións de auga no templo”. “Reducindo o tamaño das copas, especialmente dos tulíperos de Virxinia, mellóranse as condicións de seguridade e o distanciamento entre as árbores e a igrexa, evitando a invasión do espazo que se viña producindo”, subliña Puentes.