Desenvolvemento Sostible pon en marcha as obras de rexeneración integral do parque, as pasarelas e a rede de sendeiros de Valdecorvos

25
  • Os traballos impulsados por Iván Puentes suporán un investimento global superior aos 50.000 euros, actuando en máis de 1.000 metros cadrados de superficie e creando un pequeno miradoiro

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha as obras do proxecto de rexeneración integral do parque de Valdecorvos e de toda a rede de sendeiros e de pasarelas existentes neste contorno natural. As primeiras actuacións de acondicionamento e limpeza do terreo estanse a levar a cabo por unha brigada de operarios coa axuda de maquinaria retroescavadora e de transporte de trollos e inclúen o aplanamento dos camiños, a eliminación de fochas, a poda e tala de árbores e tarefas de desbroce e sega.

O proxecto, que suporá un investimento global de máis de 50.000 euros, incluirá a creación dun pequeno miradoiro e a óptima pavimentación da totalidade dos sendeiros, actuando en máis de 1.000 metros cadrados de superficie de camiños. As obras contemplan a restauración e acondicionamento das pasarelas de madeira, pontes e zonas verdes do contorno do parque, así como a renovación das sendas (que presentan problemas de arrastres de material, fochas ou colmatación nas recollidas de pluviais), o reforzo do pavimento de xabre da rede de camiños con estabilizantes para incrementar a súa duración futura e a reposición de arquetas e reixas de recollida de augas en mal estado.

Os elementos de madeira, como a ponte e a pasarela existentes no regato de Valdecorvos e as diversas varandas, escaleiras e pasamáns, serán restaurados na súa totalidade para garantir o mellor uso do espazo e a comunicación entre as diferentes zonas do parque e coa avenida de Lugo. Substituíranse os elementos en mal estado e realizarase un tratamento para mellorar a conservación de tódalas madeiras do parque.

Por outra banda, na zona oeste do parque hai unha pequena carballeira con exemplares dun importante valor paisaxístico e natural, e estes carballos enmarcan unha fermosa vista cara a cidade e o río Lérez que se pretende aproveitar para xerar un pequeno miradoiro e lugar de estancia.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, agarda que estas actuacións, “que permitirán optimizar e darlle nova vida ao parque máis grande da zona leste da cidade”, poidan estar xa “moi avanzadas para finais de ano”.