As obras de reforma do antigo ximnasio da Once estarán rematadas para primavera

100
  • O inicio dos traballos foi supervisado hoxe polo tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, acompañado polo máximo responsable da empresa Ramírez, Arturo Ramírez
  • A intervención ten un orzamento de 448.636,94 euros e está cofinanciada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Estratexia EDUSI

A empresa Construcciones Ramírez acaba de poñer en marcha hai uns días as obras do proxecto que permitirá reformar o antigo ximnasio da Once en Pontevedra, eliminar os problemas de humidade e condensación que presenta o inmoble e convertelo nun espazo eficiente a nivel enerxético e óptimo para os adestramentos. As actuacións, que suporán un investimento de 448.636,94 euros e que están confinanciadas cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Administración Local a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’, teñen un prazo de execución de seis meses e a firma adxudicataria comprométese a que estean completamente rematados para a primavera de 2021.

Así llo garantiu esta mañá ao tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o presidente de Ramírez, Arturo Ramírez, no transcurso dunha visita para supervisar a marcha das obras, na que Fernández estivo acompañado polo xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas e Enxeñería (OTMAIE) do Concello, Ángel Velando, a técnica municipal Sandra Valverde, e outros responsables da empresa. “O inicio das obras efectuouse con absoluta normalidade, con tódolos equipos e contratacións practicamente feitas. Estamos apurando ao máximo co obxectivo de que para finais de abril poidamos ter xa o proxecto rematado. É unha desas obras que é unha satisfacción facer, xa que se trata dunha rehabilitación que permitirá obter moita eficiencia enerxética e que deixará estas instalacións nunhas condicións de aproveitamento e usos deportivos óptimos”, asegurou Arturo Ramírez.

Trala visita, Tino Fernández amosouse “moi satisfeito pola boa marcha dunhas actuacións que xerarán un espazo idóneo para determinadas disciplinas, esencialmente taekwondo e esgrima, e que mellorarán o aproveitamento enerxético do edificio e tamén a súa ventilación, algo que resulta moi importante nestes tempos de Covid-19”. Segundo afirmou, este proxecto “foi posible grazas aos fondos europeos EDUSI e vai reportar moita maior calidade no que é a práctica do deporte en Pontevedra”. “Europa -apuntou o edil socialista- tamén nos axuda a que poidamos manter en boas condicións as nosas instalacións deportivas”.

O proxecto de reforma do antigo ximnasio da Once (composto por dous volumes: o de maior tamaño, de dous andares, destinado á realización de actividades deportivas, e outro máis pequeno, no que se sitúan os vestiarios e o despacho) consta de varias intervencións relacionadas coa mellora das condicións térmicas da envolvente no volume dedicado a pista deportiva; a optimización das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria (ACS); a instalación dun sistema de ventilación; a adecuación das condicións de accesibilidade; a adaptación á normativa de incendios, e o mantemento e reparación da estrutura de formigón. 

Os traballos contemplan obras de mellora da accesibilidade, o acondicionamento da urbanización e do acceso ao pavillón e a reparación da estrutura, na que se aprecian elementos de formigón danados, con fisuras, desconchados e con manchas de óxido, así como o desprendemento do formigón de recubrimento e unha considerable corrosión en zonas do armado. Non obstante, un estudo destas patoloxías levado a cabo pola empresa especializada Enmacosa determino que o recubrimento é insuficiente, sendo isto determinante no proceso de corrosión das armaduras.

Coa finalidade de cumprir coa normativa antiincendios abrirase unha porta de emerxencias na fachada suroeste da pista deportiva, substituiranse as portas dos percorridos de evacuación que non cumpran con dita normativa, protexerase a estrutura metálica dos arcos existentes e reforzarase o forxado da cuberta na pista para cumprir a resistencia ao fogo requirida.

No que se refire á mellora das condicións térmicas do edificio, preténdese manter o aspecto orixinal do inmoble e, por este motivo, superporase un trasdosado de policarbonato polo interior da fachada nordeste, no volume da pista, mantendo así os bloques de vidro existentes. 

Na fachada noroeste substituiranse as carpinterías e vidros, tanto no volume da pista como no cuarto de instalacións, e trasdosarase e illarase o interior da pista. A tella da cuberta será substituída por tella curva sobre placa de vidrocemento. 

A actuación tamén prevé a substitución das carpinterías existentes no alzado suroeste do volume dedicado a actividades deportivas por ventás fixas de aluminio e da porta e a ventá do cuarto de instalacións por unha porta de aluminio de panel lacada e unha ventá fixa con acristalamento dobre. Os parámetros básicos que se tiveron en conta á hora da elección dos acabados foron os criterios de confort e durabilidade e a empresa adxudicataria ofertou ademais un incremento de un a tres anos no prazo de garantía.

Dotación dunha Unidade de Tratamento de Aire (UTA)

As obras incluirán labores de mantemento e pintado, a substitución do teito da pista deportiva por un falso teito continuo de taboleiros ignífugos, o revestimento do teito da entrada suroeste con táboas de madeira, a instalación dun xerador de auga quente mediante enerxía solar, e a dotación dunha unidade de tratamento de aire (UTA) para a climatización, ventilación e control da humidade do aire na pista polideportiva. O resto das estancias levarán un sistema de calefacción por radiadores alimentados por unha caldeira centralizada de gas natural de condensación. A distribución de calefacción a radiadores realizarase mediante un circuíto diferenciado que dará servizo ás plantas baixa e superior.

A pista deportiva tamén disporá dun circuíto independente que alimentará á unidade de tratamento de aire, renovaranse parte das instalacións de fontanería e desmontaranse e recolocaranse as luminarias e mecanismos eléctricos existentes no volume da pista deportiva.

A reforma do antigo ximnasio da Once terá unha enorme importancia para algúns deportes minoritarios, como o taekwondo e a esgrima, posto que se dedicará precisamente a estas disciplinas, que disporán dunhas instalacións con todo o material e as condicións que precisan para adestrar.