A ‘nova’ praza de Barcelos duplicará as zonas de xogos infantís e ampliará as deportivas

96
  • A proposta de remodelación inclúe máis espazos verdes e máis áreas de sombra, e reformula a circulación perímetral da praza para favorecer os usos comerciais e hostaleiros 

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, vén de presentar a proposta de remodelación da praza de Barcelos, realizada por 2C Arquitectos, e coa que se pretende converter a actual praza pechada nun lugar aberto á contorna e á veciñanza do barrio, promover a actividade comercial da área e, sobre todo, priorizando os nenos e as nenas como usuarias preferentes. 

“Os principais usuarios desta praza son os nenos e as nenas de Pontevedra, son as persoas que máis van e, nunha zona de altísima densidade como esta onde viven moitos nenos e nenas, é imprescindible que teñan zonas de xogo” explicou Demetrio Gómez. Así, na proposta de remodelación as áreas infantís trasládanse cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén  se cambia de ubicación e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos, que ademais das pistas tamén contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa. Fronte ao centro educativo, resérvase suficiente espazo para ser usado como patio de recreo.

Na proposta tamén se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas. No borde norte, isto é, a carón do muro de Santa Clara, mantéñense os plátanos centenarios, plántanse novas árbores e créase unha zona de paseo e estancia, cunha senda peonil, desde a que parte unha pradeira verde que se extende practicamente ata o centro da praza.

Usos comerciais 

Demetrio Gómez explicou que de cara a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, se deseñou toda a circulación perimetral da praza “para que sexa como unha gran rúa do modelo Pontevedra”. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. Tamén se tivo en conta, no deseño xeral, que os escaparates dos negocios fosen visibles desde a propia praza. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. 

En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking  soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.

Estudo previo

Esta reforma, que o concelleiro cualificou como “respectuosa co patrimonio e pensada para os veciños e veciñas”, parte dunha exhaustiva análise previa. O equipo de arquitectura encargado da proposta fixo unha análise do estado actual da praza, do tráfico e da súa circulación actual. Tamén analizou as diferentes pendentes da praza de cara a distribuír os novos usos en distintos niveis de altura.

Outra das cuestións que analizaron foi como se solapan os usos actualmente e a colocación do arborado,  de cara a superar a dureza que ofrece a praza na actualidade. 

Por último, tamén fixeron un estudo das entradas á praza e a ubicación dos negocios de comercio e hostalería, que identificaron incluso por tipoloxía de actividade, de cara a propoñer a solución máis acaída para favorecelos e potenciar a súa actividade.