Pontevedra coñecerá a opinión do sector sobre novos modelos de recollida e xestión de residuos

35
  • Os principais operadores do sector participarán nunha xornada técnica, que terá lugar o 4 de febreiro, con propostas e suxestións que deben incluír aspectos como a economía circular, o uso de enerxías renovables na xestións dos residuos e as aplicacións de novas tecnoloxías
  • Durante o 2020 increméntase de xeito substancial a recollida selectiva de envases, vidro e papel, que supera as 4.000 toneladas, mentres que o tratamento de biorresiduos sitúase por riba das 3.000 toneladas

O concelleiro responsable da xestión de residuos, Raimundo González asegurou esta mañá que, á vista dos datos do incremento tanto de recollida selectiva como de tratamento de biorresiduos, “a cidadanía de Pontevedra ten un alto compromiso medioambiental”. O concelleiro salientou que, paralelamente, “tamén houbo unha redución substancial dos envíos a Sogama, que descenderon máis do 5,1%”. Así, no ano 2019 enviáronse 29.258 toneladas a Sogama para o seu tratamento, mentres que no 2020 enviáronse 28.199 toneladas (case 1.500 toneladas menos)

Esta redución de envíos a Sogama, segundo explicou Raimundo González non se debe só ao incremento da recollida de envases, papel e vidro, “senón que se debe tamén e de maneira substancial ao tratamento dos biorresiduos que se foi implantando ao longo do 2020, exercicio no que se foron entregando composteiros individuais, se seguiron instalando centros de compostaxe comunitaria e se puxo en marcha o plan piloto Composta”.

Os datos referidos á recollida selectiva durante o 2020 e por fraccións son os seguintes:

  • A recollida de envases incrementouse incremento nun 14,37%, pasando das 1.020 toneladas recollidas en 2019 ás 1.168 toneladas recollidas en 2020
  • A recollida de vidro incrementouse en máis do 8%, pasando das 1.077 toneladas  de 2019 ás 1.167 toneladas en 2020
  • A recollida de papel incrementouse en case o 31%, pasando de 1.389 toneladas en 2019 a 1.816 toneladas en 2020

En relación á estimación do tratamento de biorresiduos, Raimundo González cifrou en 3.000 toneladas os tratamento correspondente “aos tres pés”. Así, a través do plan Composta, e extrapolando a recollida do mes de decembro (82,5 toneladas), ao longo do ano a recollida sitúase en 990 toneladas. Mentres, aos 2.588 composteiros individuais entregados a 31 de decembro corresponden sobre 1.060 toneladas tratadas, e nos centros de compostaxe comunitaria superánse as 1.000 toneladas anuais.

Xornada técnica

Raimundo González asegurou que desde o seu departamento “tanto a compostaxe comunitaria como o plan Composta e os composteiros individuais, van seguir sendo un dos eixos de traballo para este ano 2021 de cara a incrementar o tratamento dos biorresiduos”. Neste sentido, explicou que a preparación do futuro contrato de recollida de residuos sólidos municipais se acompañará de outras accións para incrementar tanto a recollida selectiva como o tratamento dos biorresiduos.

De cara a avanzar na preparación do futuro contrato, anunciou que o vindeiro 4 de febreiro se celebrará unha xornada técnica na que se dará voz aos operadores do sector. Trátase dunha xornada na que durante a mañá as cinco empresas máis representativas – Ferrovial, FCC, Urbaser, Acciona e Valoriza- exporán as súas propostas sobre modelos de recollida, xestión de biorresiduos, economía circular, uso de enerxías renovables na xestións dos residuos e aplicacións de novas tecnoloxías. A idea é escoitar ao sector e incorporar ao contrato aquelas suxestións que resulten de interese. 

Na sesión de tarde terá lugar unha mesa redonda na que participarán representantes veciñais, representantes empresariais e representantes do movemento ecoloxista e se dará resposta ás preguntas que as persoas inscritas vaian formulando ao longo da xornada. Debido á situación sanitaria, ss e as relatoras participarán de xeito presencial e as persoas inscritas participarán telematicamente.

Raimundo González asegurou que con esta xornada se dará por finalizada a fase de achegas, que xa comezara co fase de participación veciñal. Tras esta fase realizaríase o estudo económico e posteriormente os pregos.