A obra do cruzamento de Benito Corbal con De la Sota convértese nunha reforma integral

74
  • Renovarase a rede de saneamento para solventar o deterioro dun pozo que estaba a producir filtracións e deteriorando toda a área ao seu arredor
  • Estase a realizar unha tramitación por urxencia para acometer os traballos complementarios e que ascenden a 20.952 euros

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, informou esta mañá que as obras que se están realizando no cruzamento das rúas Benito Corbal con Daniel de la Sota e Cobián Roffignac se van converter nunha actuación de reforma integral, posto que se incluirá a renovación completa da rede de saneamento nese tramo. Esta decisión vén motivada, segundo explicou o propio concelleiro, pola necesidade de solventar o deteriroro dun pozo da rede de saneamento que estaba a producir filtracións e deteriorando toda a área ao seu arredor.

Esta incidencia, que estaba formando “unha cova” no terreo soterrado ao redor de dito pozo, provocou que durante as obras de demolición do actual pavimento se producira un afundimento. “O incidente ocorreu o pasado venres e onte martes xa tiñamos unha solución enriba da mesa” asegurou Demetrio Gómez, quen agradeceu a celeridade e a colaboración entre os técnicos municipais, a empresa concesionaria do Servizo da Auga Viaqua, e a empresa concesionaria da obra COVSA. Tamén informou que estes traballos complementarios ascenden a 20.952 euros e que se están tramitando por urxencia no día de hoxe.  

Os novos traballos tamén implican novo prazo de execución, que se amplía en dúas semanas sempre que as condicións meteorolóxicas (sobre todo as chuvias) non motiven retrasos, posto que é preciso cavar 2 zanxas de 2,5 metros de profundidade. A renovación da rede de saneamento implica substituír 42 metros de tubaxe nun novo trazado que deixará dous puntos de entrada á rede (para posibles repararacións ou revisións), un no comezo de Benito Corbal e outro no comezo de Daniel de la Sota, de xeito que non sexa preciso volver tocar a área da obra actual “nos vindeiros 25 anos”.

Convén lembrar que esta intervención transformará o actual cruzamento nunha praza circular que funcione como un espazo de estancia, de preferencia peonil e de alta calidade urbana, substituíndo o actual asfalto vermello por formigón puído confinado entre bandas de pedra. Neste sentido, utilizaranse solucións xa probadas noutras intervencións da cidade como son o pavimento de formigón puído que deixa á vista os áridos como está por exemplo na cabeceira norte da ponte do Burgo, e o uso de bordillos circulares como por exemplo na praza do cruce da rúa da Seca con Casimiro Gómez e Fernando Olmedo.