Aberta a convocatoria para inscribirse na primeira gran asamblea veciñal en liña

119
  • Terá lugar o vindeiro xoves ás 20h e está dirixida á veciñanza do barrio do Burgo para dar a coñecer o proxecto básico de reforma da rúa da Santiña
  • Para participar é necesario inscribirse previamente enviando un correo a inscricions@pontevedra.eu ou no formulario da web obrasreformaurbana.pontevedra.gal
  • A reforma dotará a esta rúa de plataforma única, cun pavimento que unificará toda a intervención, crearanse zonas de estancia e arborado, e renovarase toda a iluminación dando continuidade ao trazado urbano do Camiño de Santiago

A Concellaría de Obras Urbanas, que xestinona Demetrio Gómez, mantén a súa folla de ruta de cara a avanzar no desenvolvemento dos proxectos de reforma urbana previstos para os vindeiros meses. Neste sentido, no caso concreto do proxecto de reforma da rúa da Santiña decidiu continuar co proceso de participación veciñal para poñer en común os principais aspectos da intervención, adaptando a convocatoria ás limitacións derivadas da situación sanitaria por mor da pandemia.

Así, a asemblea realizarase en liña e a participación abrirase a toda a veciñanza da contorna que desexe coñecer o proxecto e facer as achegas que considere precisas. A asemblea terá lugar o xoves 11 de febreiro ás 20h e as persoas interesadas deben inscribirse previamente enviando un correo a inscricions@pontevedra.eu indicando o nome e o correo electrónico ao que se lle remitirá a ligazón para unirse á reunión. A partires de mañá tamén se habilitará un formulario de inscrición no sitio web obrasreformaurbana.pontevedra.gal. e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes ás 22h.

Convén lembrar que o proxecto básico de rehabilitación integral da rúa da Santiña foi elaborado tendo en conta o plan de necesidades que foran aprobado previamente en asemblea veciñal, polo que o motivo da xuntanza da semana que vén, ademais da posta en común do propio proxecto coa veciñanza, é o de incorporar aquelas achegas de interese de cara á redacción do proxecto de execución.

O proxecto básico de rehabilitación integral da rúa da Santiña contempla un orzamento para esta actuación de 1.804.914 euros e implica dotar a rúa de plataforma única cun pavimento continuado para unificar a intervención, que será de formigón lavado cunha cor aínda por definir. Tamén prevé varias zonas arboradas, organizadas en función dos diferentes tramos da rúa pero dándolle un tratamento continuado de paseo e facendo máis brando o percorrido, de xeito que na parte máis próxima á ponte do Burgo está previsto que nos cruzamentos se planten árbores tipo liquidámbar; no seguinte tramo está prevista unha ringleira de ameixeiras púrpuras para suavizar a zona máis industrial da rúa, e xa de cara ao último treito prevese unha liña de árbores que remata nun conxunto árboreo onde se instalaría unha zona de estancia e, contra a zona máis rural, plantaríase unha ringleira de chopos. Contémplanse varias áreas de estancia ao longo do percorrido,  unha zona de descanso no extremo norte e a conservación da fonte. O alumeado inclúe iluminación vertical a través de báculos illados ou suxeitos nas fachadas e sinalización de cortesía integrada nos bancos, nos muros e no chan. Por útlimo, ao igual que en todas as rehabilitacións integrais que se realizan en Pontevedra, tamén se acometerá a renovación dos servizos de saneamento, augas, e soterramento do servizo de electricidade, así como de gas e telecomunicacións.