O Efecto PO2 exemplo nunha investigación da Universidade de Camberra

68

Dous profesores da Universidade de Nova Gales do Sur elaboran un artigo para “The Conversation” no que Pontevedra é exemplo de saúde humana, ambiental e económica. 

Esta reportaxe desenvolverá as ideas dunha publicación previa na que tamén se fai referencia á cidade do Lérez.

Nas últimas dúas semanas, a Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, continúa a atender demandas en relación ao Efecto PO2, e ao interese que Pontevedra esperta no exterior. Aínda que a pandemia supuxo un freo para unha gran parte da actividade social no mundo, ben é certo que o interese que noutras zonas do planeta se ten por Pontevedra continúa vivo. De feito, un dos principais atractivos nestes momentos é a calidade de vida que ofrece aos seus veciños e veciñas en momentos vitais tan duros, modelos que tratan de seguir noutros puntos da Terra.

Nesta clave foi a petición procedente da Universidade de Nova Gales do Sur, en Camberra, que a través dun profesor honorario da facultade de Ciencias, Paul Tranter, solicitou ao Concello unha galería de imaxes para ilustrar un artigo que está a escribir xunto a un colega para a revista “The Conversation”, na súa edición australiana. Esta publicación dixital é unha rede de medios de comunicación sen fins de lucro que publica artigos de académicos e investigadores de todo o mundo con máis de 40 millóns de seguidores.

O artigo que elaboran inclúe unha parte no que pretenden explicar “o éxito de Pontevedra na mellora da saúde humana, ambiental e económica” (“We are writing an article for “The Conversation” where we explain the success of Pontevedra in improving human, environmental and economic health”).

A orixe desta publicación de “The Conversation” é o libro publicado por ambos investigadores: Tranter, P. and Tolley, R. 2020. Slow Cities: Conquering our speed addiction for health and sustainability, Amsterdam, Elsevier, no que tamén se fan referencia a Pontevedra, tal e como eles lle fixeron chegar ao departamento que dirixe Anabel Gulías.

No artigo pretenden desenvolver as ideas que plasmaron naquel libro, no que se recolle “un estudo de caso sobre o exitoso slowing de Pontevedra” e recoñecen que “Pontevedra é un exemplo destacado das ideas que promovemos na publicación”.

News break en EE.UU

A finais de xaneiro a revista dixital en app, News Break, tamén se puxo en contacto co departamento de Promoción da Cidade para realizar unha curiosa reportaxe na que compara a calidade de vida e a beleza cidade do Lérez con Ponte Vedra Beach, unha localidade turística de Florida de alto nivel de vida.

A publicación viu a luz o pasado 23 de xaneiro.

Amoradí

Ao tempo, o departamento de Promoción da Cidade tamén atendeu unha petición do Concello alicantino de Amoradí, que a través da Concellaría de Educación está poñendo en marcha o Consello dos Nenos e das Nenas. Para iso solicitaron á área de Anabel Gulías material sobre Pontevedra e o desenvolvemento do seu modelo de cidade dando preferencia ao peón e, polo tanto, aos cativos e cativas.

A concelleira de Educación de Amoradí, Susana Miralles, xa estivera en Pontevedra en agosto de 2019, cando mantivo un encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Logo dunha longa charla e dunha comparencia pública afirmou que “me vou coa idea de que as anchas rúas de Almoradí non son para os coches son para as persoas. As persoas primeiro!”.

O departamento de Anabel Gulías confía en seguir colaborando con Almoradí no futuro para que poida desenvolver o seu proxecto tal e como o propuxeron.

Efecto Doppler

Finalmente, o Efecto PO2 tamén foi obxecto de “estudo” no programa de RN3 Efecto Doppler que analiza as últimas tendencias musicais, culturais, de acción social…, na sección Mira tu calle. Pretendíase coñecer a iniciativa de dedicar o espazo público para as necesidades escolares en época Covid. 

En concreto, o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez foi entrevistado polo arquitecto e profesor de arquitectura, Alberto Nanclares, sobre o peche das rúas Raíña Victoria e Alfonso XIII para destinalos a patios de colexio. Tamén se fixo mención á actuación previa na praza de Barcelos. 

O entrevistador comparou Pontevedra e Nova Iorque (o barrio de Harlem) onde se pecharon prazas e rúas para que sexan patio de colexio e lugar de esparcemento con motivo da pandemia.