Lores: “Se Colmenares e o PP dan as ordes pertinentes este espectáculo bochornoso remata inmediatamente”

49
  • O alcalde e o tenente de alcalde veñen de condenar as agresións verbais e físicas contra o equipo de goberno por parte dun grupo de persoas que actuaban en nome de Ence
  • Fernández Lores e Tino Fernández aseguran que este tipo de actitudes só reafirman ao Concello de Pontevedra na loita para o traslado da fábrica

“Estamos seguros que se Colmenares e o Partido Popular dan as ordes pertinentes, este espectáculo bochornoso, que non se corresponde con esta cidade, remata inmediatamente” asegurou esta tarde Miguel Anxo Fernández Lores ao respecto das agresións verbais e físicas que sufriu parte do equipo de goberno por parte dun grupo de persoas que actuaban en nome de Ence. O alcalde compareceu tras o acontecido acompañado polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e pola portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías.

O alcalde definiu a actitude deste grupo de persoas como “unha ocupación do Concello, concretamente da planta onde está a alcaldía e o equipo de goberno, co cal non viñan a protestar ao Concello senón que viñan directamente a agredir verbalmente, incluso fisicamente, ás persoas que alí estabamos”. Fernández Lores asegurou que esta “ocupación fíxose por parte de persoas enviadas pola empresa, polo señor Colmenares, e tamén polo PP, porque un bo anaco o señor Domínguez estivo presente no hall da alcaldía arengando a esas persoas”.

A última hora da mañá este grupo de persoas non só insultaron ao equipo de goberno á saída do Concello senón que incluso golpearon o coche do alcalde polo que, ante estes feitos, Fernández Lores asegurou que “teño que dicirlles que están profundamente equivocados, que a súa actitude o que fai é reforzar a nosa posición e que imos seguir loitando por conseguir unha Pontevedra cada vez máis referente e recuperar a ría de Pontevedra, que é o que demandan unha grande maioría de pontevedreses e pontevedresas”. Neste sentido, insistiu en que “Pontevedra é unha cidade tranquila, unha cidade dinámica e referente a nivel internacional desde o punto de vista do medio ambiente” pero neste marco sinalou dúas eivas: a presenza de Ence na ría e a implantación da “violencia, chantaxe e absolutamente todo tipo de extorsións e coaccións” e a utilización da violencia contra o Concello de Pontevedra alentada polo Partido Popular e por Colmenares.

Fenández Lores tamén aproveitou para agradecer a actuación da Policía Local nun momento no que asegurou chegar a temer pola súa integridade física.

“O que pasou esta mañá é absolutamente inadmisible nun país democrático” afirmou rotundo o tenente de alcalde, Tino Fernández. Asegurou que “este tipo de amezas e de coaccións non son froito da improvisación senón que é unha manobra alo menos consentida pola empresa, cando non alentada, e efectuada por un sindicato que se converteu en absolutamente amarelo e perigoso incluso para os propios traballadores”.

Tino Fernández asegurou que “os traballadores e traballadoras teñen que saber que estamos preocupados polos seus postos de traballo pero que non imos ceder ante ningún tipo de chantaxes nin de ameazas”. Tamén insistiu en que a postura do Concello é “unha postura moi clara e non van conseguir nada con este tipo de actuacións, como si as van conseguir é dialogando, sentándose, falando e, por suposto, defendendo o que crean oportuno por cauces democráticos”.