Pontevedra renova a sinalización para adaptala á toponimia oficial e corrixir desaxustes nas demarcacións

57
  • Tanto as correccións na toponimia como nos axustes dos lindes dos lugares no rural pasarán ao Padrón municipal, previa validación por parte da Xunta de Galicia 
  • Xa se renovou a sinalización en Lourizán e esta semana comézase coa de Salcedo, posto que nestas parroquias apenas se observan cambios

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou esta mañá que desde a área de Réxime Interior se está a completar o procedemento administrativo para corrixir e axustar a sinalización de todo o Concello segundo a toponimia oficial e os lindes dos lugares no rural. O obxectivo final deste proceso é renovar toda a sinalización introducindo xa as correccións pertinentes, de xeito que queden tamén reflectidas no Padrón municipal.

Para completar este procedemento, o Concello elaborou dous informes coas propostas de cambios e adaptacións, un desde o servizo de Normalización Lingüística que revisou todos os desaxustes en canto á toponimia oficial e outro desde o servizo municipal de Topografía que revisou todos os desaxustes nas demarcacións de todas as parroquias e de todos os lugares do Concello. 

Estas propostas documentadas serán enviadas á Xunta de Galicia para a súa validación, previo paso pola Comisión de Réxime Interior. Unha vez que a Xunta de Galicia valide os cambios, serán introducidos no Padrón municipal e   pasarán a exposición pública a través do Sistema de Información Xeográfica. Unha vez finalizado este trámite, pasarase á fase de rotulación dos novos lugares no rural e de rúas e prazas na cidade.

Deste xeito, corrixiranse nomes de rúas que aínda permanecen en castelán ou aclarase a delimitación correcta dalgúns lugares nos que non se correspondía a delimitación que aparece no Padrón coa delimitación popular ou a delimitación que os veciños e veciñas manexaban. 

Anabel Gulías asegurou que os cambios que se introduzan non implicarán ningún problema para a veciñanza e que redundarán nun mellor e máis eficaz funcionamento de determinados servizos, como o de Correos e os de mensaxería e reparto.

Tamén adiantou que nas parroquias nas que apenas se detectaron cambios xa se está procedendo á renovación de sinais, como o caso de Lourizán na que xa rematou a renovación, e o de Salcedo que se está comezando xusto esta semana.