A glorieta de Compostela acollerá o primeiro cargador para móbiles alimentado a través dunha picoturbina

31
  • Será o primeiro cargador renovable instalado no espazo público da cidade que funcione con enerxía procedente da rede municipal de abastecemento de auga
  • Unha picoturbina proporcionará o subministro eléctrico necesario para o seu funcionamento, producindo enerxía sustentable e renovable

A glorieta de Compostela é o punto elixido da cidade para instalar o primeiro cargador renovable para dispositivos móbiles a través dunha picoturbina, isto é, alimentado con enerxía hidráulica xerada desde a rede municipal de abastecemento. Este dispositivo, que instalará a empresa concesionaria do Ciclo da Auga, Viaqua, pretende poñer en valor fórmulas de xestión enerxética óptima e achegar á cidadanía dun xeito visible o concepto de enerxía sustentable e renovable. 

O cargador renovable para dispositivos móbiles parte do concepto de autosuficiencia enerxética, funcionando a partir de enerxía achegada por fontes renovables e demostrando que a calidade dos procesos e servizos pode fortalecerse apostando por propostas innovadoras, eficientes e sustentables. Este dispositivo instalarase na contorna da Fonte dos Nenos e estará composto polos seguintes elementos:

  • Peana de aceiro inoxidable AISI 304 con tres soportes para a carga de dispositivos móbiles (smartphones, tablets, etc.), un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida. A peana inclúe unha base rectangular que permite, a través dun cristal reforzado antivandalismo, visualizar o equipo de xeración hidráulica.
  • Cabezal superior personalizado de aceiro inoxidable e acabado con pintura anticorrosión. Dispón dunha pantalla táctil anti-vandalismo de 12” que permitirá a reprodución de contido multimedia.
  • Alimentación mediante unha picoturbina APT Systems®, desenvolvida por SUEZ. A picoturbina produce micro-enerxía mediante a enerxía hidráulica nas redes de abastecemento de auga en zonas urbanas.

En liña coa estratexia Efecto PO2, este cargador renovable permite visibilizar solucións relativas á xestión eficiente dos recursos e polo tanto da enerxía, enmarcándoos na consecución dos obxectivos globais de desenvolvemento sostible e na necesidade de apostar por modelos urbanos cada vez máis eficientes enerxeticamente e comprometidos cos desafíos ambientais. Así, a través da instalación deste dispositivo, desde as áreas de Promoción da Cidade e de xestión do Ciclo da Auga, póñense en valor conceptos como as enerxías renovables, a redución de emisións, a eficiencia enerxética e o aproveitamento eficiente dos recursos