O BOP publica hoxe as bases das subvencións do Plan Supera 21 para a adquisición de equipos informáticos

636

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases da liña de axudas do Plan Supera 21 para que os nenos de tódolos centros educativos públicos de Pontevedra poidan adquirir equipos informáticos. As subvencións están destinadas a todo o alumnado empadroado no concello de Pontevedra matriculado no curso 2020-2021 en estudos de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nos centros públicos ou concertados. 

Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “para converterse en beneficiarias, a renda das familias cun fillo ou filla non deberá superar os 39.900 euros anuais; a das que teñen dous debe ser inferior aos 43.225 euros; a das de tres de menos de 47.215 euros e a das de catro ou máis fillos non superar os 49.875 euros”. “O Concello, a través do Plan Supera 21, destinou unha achega económica de 400.000 euros a estas axudas, o que se traducirá nun máximo de 400 euros por cada persoa menor de idade e de 2.000 euros por unidade familiar”, lembra Fernández. 

As axudas se poden presentar presencialmente no Concello ou ben a través da súa sede electrónica (https://sede.pontevedra.gal/) e só será posible presentar unha solicitude por unidade de convivencia, aínda que esta pode incluír varios fillos ou fillas. Á hora de conceder as subvencións terán prioridade aquelas familias cunha menor renda e con maior puntuación en base ás circunstancias que recolle a convocatoria.

Entre a documentación básica que será necesario achegar para presentar as solicitudes inclúense: DNI do solicitante, libro de familia, declaración da Renda de 2019 dos membros da unidade familiar e certificado de matriculación no centro educativo no curso 2020-2021. Asemade, no caso de dispoñer deles, poderán aportarse certificados de ingresos de pensións, desemprego, Risga ou semellante, así como certificados de discapacidade ou dependencia, documentación relativa a violencia de xénero, sentencia de divorcio na que conste a custodia dos ou das descendentes, resolución xudicial sobre acollemento ou tutela ou acreditación de monoparentalidade expedida pola Xunta de Galicia.

Os equipos informáticos obxecto de subvención (ordenadores portátiles ou de sobremesa) serán os adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro deste ano. Os beneficiarios poderán cobrar por adiantado unha vez que a axuda estea concedida, precisando xustificar a compra coa factura do ordenador ou xustificante de pago antes do 31 de marzo de 2022 (e debendo devolver o importe en caso de non facelo).

Todas aquelas familias interesadas disporán dun prazo dun mes desde a publicación no BOP para presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ou nas oficinas habilitadas especialmente polo Plan Supera 21. As peticións serán tramitadas en réxime de concorrencia competitiva e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas. As dúbidas que xurdan poderán resolverse chamando aos teléfonos 681 264 835 e 986 804 300 (extensións 7191 ou 7192).

A Concellería de Educación realizará nos vindeiros días un reparto masivo de 15.000 flyers informativos en tódolos centros públicos de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e Educación Especial de Pontevedra, de xeito que as familias conten con toda a información básica para poder tramitar as axudas.

As bases das subvencións están dispoñibles a través do seguinte enlace: https://boppo.depo.gal/bop-v2-portlet/download?id=idd_7F688D1D-CB8C-4F3A-923A-4954A86FE678&fileName=an.bop.PONTEVEDRA.20210419.2021019712.pdf