Yoya Blanco entrega os diplomas aos 14 participantes no curso de Operador de Carretillas Elevadoras organizado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración con Ara Formación

20

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu esta mañá na sede Ara Formación o acto de entrega de diplomas aos 14 alumnos participantes no curso de Operador de Carretillas Elevadoras organizado polo Concello de Pontevedra en colaboración co centro formativo. A actividade, que contou con 24 horas teóricas e prácticas, estivo destinada de xeito prioritario a persoas desempregadas empadroadas no noso municipio, que recibiron formación en aspectos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de situacións de risco, retención do operador… 

No que atinxe á parte práctica, o alumnado tivo ocasión de reproducir manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en rampas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (contidos axustados aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).

Yoya Blanco, que estivo acompañada polo responsable de Ara, Francisco Rial, felicitou aos participantes “por completar unha formación que se pode converter nunha ferramenta fundamental para acceder ao mercado laboral” e lembrou que a colaboración entre a Concellería de Promoción Económica e Ara Formación “seguirá adiante nos meses de maio e xuño con dous novos cursos centrados en sectores que actualmente teñen unha enorme demanda”. Así, o centro formativo pontevedrés porá en marcha o vindeiro luns 12 de maio un curso de Limpeza Hospitalaria de 90 horas de duración (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa), no que se abordarán cuestións relativas á limpeza xeral; os sistemas de limpeza de mobiliario, servizos, paredes, habitacións, cristais…; os principais produtos químicos empregados e as medidas de seguridade e hixiene a ter en conta na súa manipulación; a limpeza das diferentes zonas dun hospital; a infección nosocomial (ou intrahospitalaria) e a súa prevención; os principios fundamentais da limpeza hospitalaria; a relación cos pacientes; os sistemas de desinfección hospitalaria; a recollida e eliminación dos residuos sanitarios; a lexislación sobre residuos sanitarios; o listado de enfermidades infecciosas, ou a prevención de riscos laborais na limpeza hospitalaria.

A partir do luns 3 de xuño desenvolverase un curso sobre Limpeza en Aloxamentos Turísticos (camareira/o de piso), tamén cunha duración de 90 horas (50 teóricas e 40 prácticas), no que se tratarán contidos como as técnicas básicas de limpeza; as normas de seguridade, hixiene e saúde; a limpeza de mobiliario interior; o arranxo de habitacións e zonas comúns de aloxamentos; o aprovisionamento e organización do office; a organización dos produtos no carro; as operacións de desmontaxe e ventilación previas á limpeza; os protocolos de custodia e devolución dos obxectos esquecidos; a atención ao cliente na limpeza de pisos; o mantemento de habitacións e baños, e algunhas nocións básicas de trato ao cliente para hostalería en lingua inglesa.