Pontevedra viaxa a Madrid, Barcelona e Valencia como exemplo de cidade sostible

77
  • O alcalde participará, o 19 de maio, na xornada ‘Los fondos europeos de recuperación: Así va a cambiar España’, que terá lugar no Museo Reina Sofía, e ao día seguinte partipará en Barcelona nunha conversa con Joan Clos sobre transformación urbana e sostibilidade
  • O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera participará en Valencia, tamén o 19 de maio, nunha mesa redonda sobre modelos de mobilidade sostible organizada pola Fundació Horta Sud

Pontevedra volve retomar de xeito presencial, neste mes de maio, a participación en distintos foros nos que é convidada para expoñer, a modo de exemplo práctico e contrastado, todo o traballo realizado en cuestións relacionadas co modelo urbano, a mobilidade sostible e a loita contra o cambio climático. As primeiras citas pesenciais terán lugar durante os días 19 e 20 de maio en Madrid, Valencia e Barcelona.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, será o encargado de representar a cidade nos foros que terán lugar en Madrid e Barcelona, mentres que o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, intervirá na xornada de Valencia.

Baixo o epígrafe ‘Moverse en las nuevas ciudades sostenibles’, Fernández Lores  explicará o modelo Pontevedra en Madrid e compartirá mesa redonda con Pedro Saura, secretario de Estado de Transportes, Eduardo Herrero, director de operacións de Correos, e Julia López Ventura, representante para Europa do C40, rede de grandes cidades comprometidas co cambio climático. A mesa estará moderada polo director adxunto de elDiario.es, Gumersindo Lafuente, e terá lugar ás 17:30h do 19 de maio no Museo Reina Sofía. 

Este encontro enmárcase no foro de debate ‘Los fondos europeos de recuperación: Así va a cambiar España’, organizada por elDiario.es e no que tamén participarán representantes das administracións estatal e europea como presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, e o vicepresidente económico da Comisión Europea, Valdis Dombrvskis. Ao longo de toda a xornada, sucederanse intervencións de respresentantes das administracións públicas, da economía, das empresas e de movementos sociais. O obxectivo, segundo apuntan desde a organización, é reflexionar sobre experiencias e modelos orientados a proxectos con cabida nos fondos Next Generation EU, isto é, que transformen e reforcen a economía, e completen a transformación dixital, a transición ecolóxica e a neutralidade climática.

Barcelona

Ao día seguinte, Miguel Anxo Fernández Lores, trasládase a Barcelona para participar nun encontro da plataforma Agora-The New Urban Conversation con Joan Clos,  exalcalde de Barcelona e exdirector executivo de ONU-Habitat. “La transformación urbana hacia la sostenibilidad es posible: Pontevedra” é o título co que a plataforma Agora presenta o encontro, engadindo que tratará “un dos temas máis admirables en materia de urbanismo: a transformación urbana que se deu na cidade galega de Pontevedra nos últimos anos”.

O encontro, que se retransmitirá en liña, forma parte dunha serie de conversas que se están programando desde esta plataforma co obxecto reflexionar sobre cuestións relacionadas co desenvolvemento urbano sostible no marco da nova Axenda Urbana e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostivle (ODS) das Nacións Unidas e acadar cidades máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles. O encontro con Miguel Anxo Fernández Lorés é o segundo que programan, tras o mantido con Maria Buhigas, urbanista e arquitecta, e Mark Nieuwenhuijsen, investigador do IS Global e presidente da Sociedade Internacional de Epidemioloxía Ambiental, no que falaron sobre a transformación das cidades despois da pandemia.

Valencia

Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, viaxará ata Picanya, na comarca valenciana de Horta Sud, para participar na primeira mesa redonda que organiza a fundación cívica que leva o nome desta comarca. Segundo indican desde a organización, o convite responde a que “consideramos Pontevedra un exemplo de mobilidade sostible, polo que nos encantaría coñecer o voso modelo de cidade e que o expoñades ante os nosos políticos, a nosa sociedade civil e as nosas empresas”.

César Mosquera compartirá nesa con Giuseppe Grezzi, concelleiro de Mobilidade do Ayuntamiento de València, con Dolors Gimeno, deputada provincial de Mobilidade, Toni Velarde, membro do Col·lectiu Soterranya – asociación que busca mellorar a contorna de forma sostible apostando polo uso da bicicleta como medio de transporte referencial e inclusivo-, e Marian Sintes, coordinadora da área de saúde de ConBici.

Esta mesa redonda é a primeira dunha serie que programan desde a Fundació Horta Sud, a Mancomunitat Horta Sud, a Diputació de València, e distintas asociacións e empresas privadas, co obxecto de reflexionar sobre como reconstruir a comarca nun momento marcado polas crisis e os retos relacionados coa Axenda Urbana. Explican no seu convite que para abordar esa “reconstrución” están convidando “a todos os axentes do noso territorio e tamén de fóra para que nos acheguen a súa visión e experiencia en materia de sostibilidade, igualdade e participación cidadá”.