- Uns 450 estudantes participarán no proxecto ‘Xogando a Descubrir Pontevedra’, impulsado polo centro educativo en colaboración coas concellerías de Deportes e de Turismo
- A xincana disputarase por niveis, entre os días 21 e 22 de xuño, en percorridos deseñados para cada grupo-aula polo alumnado de 1º curso do Ciclo Superior de Animación Sociodeportiva
Arredor de 450 alumnos e alumnas de tódolos grupos da ESO do IES Sánchez Cantón participarán o vindeiro mes na iniciativa ‘Xogando a descubrir Pontevedra’, un xogo de orientación impulsado polo centro educativo en colaboración coas concellerías de Deportes e de Turismo e co que os estudantes pecharán un curso diferente cun último reto que porá a proba os seus coñecementos sobre a cidade. Empregando como base para esta xincana o mapa de orientación deportiva cedido polo Club Aromón Pontevedra – Montañeiros Arroelo, a proba disputarase por niveis, en percorridos asignados para cada grupo-aula e deseñados polo alumnado de 1º curso do Ciclo Superior de Técnico en Ensinanza e Animación Sociodeportiva (TSEASD), dentro do módulo de Xogos: 1º da ESO, o luns 21 de xuño de 12:00 a 14:00 horas; 2º da ESO, este mesmo día de 9:00 a 11:00 horas; 3º da ESO, o martes 22 de xuño de 9:00 a 11:00 horas, e 4º da ESO, tamén o 22 entre as 12:00 e as 14:00 horas.
Cada grupo-aula irá acompañado dun profesor/a (normalmente a titora ou titor), que non poderá axudalos e que tan só vixiará que se cumpran as normas do xogo e de convivencia, e deberá atopar, no menor tempo posible, os 10 puntos sinalados no mapa seguindo a orde de numeración establecida (dende a saída, deberán dirixirse ao punto un, logo ao dous… Ata o punto dez, e logo chegar á meta). En cada unha desas localizacións, prazas e lugares emblemáticos do casco histórico da nosa cidade, os rapaces terán que localizar e resolver unha pregunta que lles fará o alumno ou alumna do Ciclo Superior que se atope no lugar.
A iniciativa foi presentada esta mañá ás portas do instituto pontevedrés, nun acto que contou coa presenza de Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Educación; Yoya Blanco, concelleira de Educación; Rocío Vieites e Paco Carral, do equipo directivo do centro; as alumnas María Araújo e Sofía Blanco, autoras do cartel do evento; e os profesores Belén Herrero, Manuel Fariña, Carmen Pernas, Anxo Gómez e Josevi Cimadevila, coordinadores da actividade. Segundo explicou Anxo Gómez, profesor do módulo de Xogos do Ciclo Superior de TSEASD, “as preguntas que se van formular nas diferentes prazas están elaboradas polos diferentes departamentos didácticos e adaptadas a cada nivel, de tal xeito que os participantes se enfrontarán a preguntas sobre esa localización de Matemáticas, Historia, Física e Química…”.
As regras da xincana
“O delegado ou delegada do grupo-aula transmitiralle ao alumno do Ciclo de Animación Sociodeportiva a resposta e, se entre todo o grupo logran acertar coa solución, colocaráselles unha pegatina co debuxo dalgunha das prazas de Pontevedra sobre o cadro co número do punto no que están na súa tarxeta de control (cuartilla de papel na que figurarán, entre outros datos, o nome do grupo, o número de participantes e dez recadros numerados), para que así poidan pasar a buscar a seguinte localización por orde numérica. No caso de non dar coa solución, volverán consensuar unha nova resposta, ata que acerten”, explicou Gómez.
Tal e como aclarou o docente, “cada grupo finalizará cando resolva a pregunta do décimo punto e alcance o punto de chegada, onde se lle anotará o tempo investido en completar o percorrido solucionando as preguntas de cada localización”. Gómez matizou que as cuestións que se plantexarán ao alumnado serán “desde aquelas de tipo lingüístico, histórico, musical ou relixioso ata outras de física e química e matemáticas”, dispoñéndose en algunhas ubicacións de cinta métrica “para realizar cálculos de figuras xeométricas e perímetros e medir in situ para lograr saber ese dato”. “O xogo non ten un carácter competitivo -engadiu-, senón que pretende un fin de curso diferente, como di a lenda que figura no cartel. Grazas á colaboración das concellerías de Deportes e Turismo haberá premios, que se entregarán o día 22”.
A socialista Yoya Blanco adiantou que este xogo de orientación “deixará pegada nas redes sociais da Concellería de Turismo, xa que, ao chegar as localizacións, cada grupo será fotografado nesa praza polo alumno ou alumna do Ciclo Superior de Animación Sociodeportiva co obxectivo de subila posteriormente”.
A concelleira de Turismo agradeceu a implicación do profesorado e o alumnado do Sánchez Cantón, “e en especial a de María e Sofía, que son as autoras do espectacular deseño do cartel”, e aproveitou para pedirlles aos docentes que sexan “magnánimos nas notas”, xa que os seus estudantes “están a facer un traballo espléndido nun ano tan complicado, no que foron un exemplo”.
En opinión de Tino Fernández, este proxecto “pódese definir nunha palabra: complicidade”. “Para facer que as cousas saian ben -asegurou o tenente de alcalde- é necesaria a complicidade, primeiro entre as concellerías, porque iso fai que os proxectos sexan máis potentes, pero sobre todo coa sociedade, neste caso co alumnado e o profesorado do IES Sánchez Cantón. Parécenos unha idea absolutamente interesante dende tanto desde o punto de vista deportivo como educativo, pedagóxico e no ámbito do turismo, permitindo coñecer a historia da cidade a aqueles rapaces e rapazas que despois poden ser altofalantes de Pontevedra”.
Unha explosión de cores arredor da Peregrina e A Leña
Sofía Blanco precisou que o deseño do cartel xurdiu na aula da súa mestra de Plástica, Carmen Pernas, “coa idea inicial de coller dous espazos moi recoñecibles de Pontevedra, como son A Peregrina e a Praza da Leña, achegando elementos como os tentáculos de polbo ou os pés, que non entendo por que á xente non lle gustan, e metendo unha explosión de cor, cun resultado un pouco espontáneo”. A súa compañeira de 3º da ESO María Araújo indicou que “nesta avaliación de Plástica tiñamos que traballar cos conceptos de liña e plano”, que decidiron xuntar neste cartel. “Tivemos a vantaxe de seren amigas próximas, polo que puidemos quedar fora do centro para facelo na casa dunha das dúas. Levounos unha tarde e algunha hora de Plástica… Un pouco a correr, porque habitualmente durmo ás 22:00 e ese fúmonos ás 00:00 horas”, bromearon as rapazas.
Pola súa banda, María López, alumna do Ciclo Superior de TSEASD, subliñou que ela e os seus compañeiros serán “basicamente os encargados de facer de ‘balizas’ e de controlar a chegada dos rapaces cos seus grupos, se respostan ben ás preguntas, se teñen tódolos puntos marcados ou temos que mandalos cara atrás e de que ninguén faga trampas”. “Non se lles darán pistas. Se non acertan á primeira, faráselles outra pregunta”, avanzou López.