A reposición de cristais centra as tarefas de mantemento no Pazo da Cultura

16
  • Tamén vén de ser substituída unha luminaria da explanada exterior que fóra danada por un vehículo e aproveitouse para cambiar os 8 proxectores a tecnoloxía led

A Concellaría de Cultura, que dirixe Carmen Fouces, no marco das tarefas de mantemento e acondicionamento que periódicamente se veñen realizando nas instalacións do Pazo da Cultura, ten previsto acometer a reposición de todos os cristais deteriorados do recinto. Esta actuación, para a que se dispón dun orzamento de 30.000 euros, sairá a procedemento público nas vindeiras semanas.

O obxectivo deste tipo de actuacións é abordar os traballos necesarios para o mantemento de elementos de pouca envergadura, mais de uso cotián e imprescindibles para a actividade e o funcionamento diario das instalacións. A esta previsión, tamén hai que engadirlle a recente substitución dunha das luminarias na explanada exterior do Pazo, que fora danada por un vehículo. Ademais de cambiar o báculo roto, neste caso con cargo ao seguro do vehículo, tamén se aproveitou para proceder ao cambio dos 8 proxectores a tecnoloxía led. Deste xeito, vaise avanzado na instalación de tecnoloxía que procura o aforro e a eficiencia enerxética, grazas á súa maior resistencia, durabilidade e rendemento.  

Convén lembrar que, en relación ás tarefas de posta a punto e mellora do recinto, tamén está previsto levar a cabo unha pequena reforma para dar maior independencia á cafetería-restaurante do Pazo da Cultura e resolver os seus problemas de accesibilidade. Trátase de executar dous cuartos de baño de uso exclusivo para os clientes do establecemento de hostalería que permitirán que estas dependencias funcionen independentemente do resto do Pazo.