A loita pola recuperación do Pazo de Meirás chega ao Tik Tok da ‘Memoria das mulleres’

11
  • A tiktoker Leti da Taberna fai un alegato sobre a reivindicación feminista para que a loita das mulleres non se use como excusa para impedir que Meirás se dedique á memoria antifranquista

Na filosofía de promover a difusión da loita antifascista, a cuarta das pezas de Tik Tok que se están a realizar este ano ao abeiro do programa ‘A memoria das mulleres’, aborda a loita pola recuperación do Pazo de Meirás. Neste caso, o vídeo corre a cargo da tiktoker Leti da Taberna quen fai un alegato firme e contundente sobre a reivindicación feminista para que non se utilice a figura de Emilia Pardo Bazán como excusa para impedir que Meirás se dedique á memoria antifranquista.

Leti da Taberna refírese, de xeito breve pero directo, a situación na que se atopa o Pazo de Meirás tras a obrigada devolución por parte da familia Franco e a polémica sobre o destino dos bens mobles, lembrando con ironía que “non foi un aluguer con opción a compra”. Mais onde se centra é no futuro destino de Meirás e na proposta de dedicalo a Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, asegurando que “se aproveita para un lavado de imaxe” para “blanquear o fascismo”. Neste sentido, reivindica que “se abra dunha vez por todas a cancela para sacar dalí o fascismo e dar paso á democracia”, co obxectivo de “recuperalo e divulgar a Memoria para algo así non volva ocorrer”.

Con este vídeo, combínanse as pezas que tratan sobre mulleres pontevedresas e a súa traxectoria con outras que van abordando a actualidade en relación á Memoria Histórica. Convén lembrar que esta é unha das novidades deste ano do programa ‘A memoria das mulleres’ que desenvolve a Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, e na que participan tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco (@laurafranco111), Leti da Taberna (@letidataberna_) e María Rúa (@pradorua).