Pasear pensando e pensar paseando, un novo modelo de roteiro para coñecer Pontevedra

65
  • ‘Atrévete a pensar’ Efecto PO2, é unha iniciativa da Concellaría de Promoción da Cidade que oferta 6 percorridos por puntos da cidade que “non os turísticos” pero si “os que nos dan identidade” 
  • O feminismo, a ecoloxía e o dereito ao espazo público serán os eixos temáticos que centrarán os roteiros e sobre os que se reflexionará e debatirá ao final

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá os roteiros ‘Atrévete a pensar Efecto PO2”, acompañada de Cora Velasco e César Tato que, xunto con Sandra Gil, serán as encargdas de levalos a cabo. Trátase de 6 percorridos pola cidade que segundo indicou Anabel Gulías permitirán “re-coñecer a cidade dun xeito demorado, coñecendo cada recuncho, que non serán os máis turísticos pero si os que nos dan identidade”. Os roteiros terán lugar os días 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de xullo, en horario de 20h a 21:30h e para participar é necesario inscribirse en paseapontevedra@gmail.com

Explicou ademais que “o que se pretende é buscar e descubrir espazos que se poden reinterpretar” e facelo “de xeito ameno e informal e coa posibilidade de invitar a xente que participe neles a pensar, debater e aportar máis á cidade”. O debate e a reflexión xirará en torno a tres eixos temáticos: urbanismo e feminismo; ecoloxía, espazos verdes e loita contra o cambio climático; e o dereito ao espazo público. A participación activa nos debates finais de cada percorrido responde, segundo Anabel a que “Pontevedra é un logro de todos e de todas as pontevedresas e a participación foi a vía para cambiar a cidade e vai ser a vía tamén para seguir mellorándo e para traballar na Pontevedra que vén”.

Pola súa banda, Cora Velasco explicou que a iniciativa ‘Atrévete a pensar. Roteiros para pensar paseando e pasear pensando’ “ten unha natureza de base filosófica”, fuxindo dos roteiros de carácter turístico e ofertánadolle aos pontevedreses e pontevedresas a posiblidade de “participar da cidade dun xeito crítico”. 

Roteiros e datas:

  • Roteiro: “En pé de igualdade” 13 e 15 de xullo de 20h a 21.30h. 
  • Roteiro: “Pensa en verde”. 20 e 22 de xullo de 20h a 21.30h. Actividade orientada a familias. 
  • Roteiro: “O noso” 27 e 29 de xullo de 20h a 21.30h.