O espectáculo do piragüismo regresa con forza esta fin de semana ao encoro do Pontillón cos Campionatos Galegos de Sprint Júnior e Sénior

29
  • O evento, organizado pola Concellería de Deportes e a FGP, contará con 274 embarcacións en categoría Xuvenil e con 372 na Sénior, 45 e 52 máis respectivamente que na edición anterior 
  • As probas Júnior do sábado 10 de xullo celebraranse entre as 10:00 e as 18:50 horas, mentres que as Sénior desenvolveranse o domingo 11 de xullo entre as 9:30 e as 19:20 horas 

Despois do bo sabor de boca que deixou hai uns días en afeccionados e deportistas a competición autonómica de Sprint en categorías Infantil e Cadete, o espectáculo do piragüismo regresa de novo esta fin de semana ao encoro do Pontillón do Castro coa celebración dos Campionatos Galegos de Sprint Júnior e Sénior, organizados pola Concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Xunta de Galicia e as firmas Murimar Seguros e Coca-Cola. As pistas do Centro Deportivo David Cal serán escenario de probas contrarreloxo e finais que se desenvolverán ao longo de toda a xornada do sábado 10 de xullo (xuvenís) e do domingo 11 de xullo (Sénior) e nas que tomarán parte un total de 646 embarcacións, 97 máis das que se inscribiran na anterior edición (549 en 2020).

Segundo explicaron esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal durante o acto de presentación do Campionato o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da FGP, Alfredo Bea, “o evento contará este ano con 28 equipos e 274 embarcacións inscritas en categoría Júnior (fronte aos 27 e 229 da pasada edición) e con 28 equipos e 372 embarcacións na Sénior (foron 28 e 320 en 2020). O edil do PSOE sinalou que “as probas abranguerán as distancias de 1.000. 500 e 200 metros, en disciplinas de canoa e kayak, en categorías masculina e feminina, tanto individuais como de dous e catro deportistas, ademais de paracanoe)”. “As do sábado, as dos xuvenís, realizaranse entre as 10:00 e as 18:50 horas, mentres que as do domingo, as Sénior, levaranse a cabo entre as 9:30 e as 19:20 horas”, indicou Tino Fernández.

O tenente de alcalde asegurou que “o piragüismo vén sendo unha referencia en Pontevedra desde sempre, pero esta pandemia fixo que o que xa é case unha norma, que é ter moita actividade piragüística nesta cidade, se multiplicase dun xeito importante, e nese sentido quero agradecerlle á FGP o esforzo que fai por traernos probas de nivel”. “E vai parecer unha esaxeración, pero os Campionatos Galegos de Piragüismo son probas de nivel mundial. Galicia é unha potencia mundial neste deporte e, polo tanto, os padexeiros e padexeiras que virán esta fin de semana a Pontevedra se atopan seguro entre os mellores de España e de Europa e do mundo tamén con toda seguridade”, salientou o socialista.

Fernández afirmou que “nestes tempos nos que precisamos reactivación e reanimación, que haxa deporte ao aire libre implica actividade física, promoción da saúde, enerxía e alegría, e ademais disto, a importante cantidade de padexeiros que van participar significa tamén a activación da nosa economía”. Dada a obsesión da Concellería de Deportes no fomento do papel das mulleres no deporte, o edil do PSOE resaltou “a importante participación feminina nestas probas, que anda xa nun 50% do total, o que é unha nova tan magnífica como que temos en Pontevedra dúas mulleres piragüistas que van estar nos Xogos Olímpicos”.

Pola súa banda, o presidente da FGP subliñou que o piragüismo galego “é un referente a nivel mundial, con sete ou oito pontevedreses que debían participar no Campionato de Europa de Maratón (ao que o noso país non puido asistir por mor da pandemia), que entendemos que ao non ter asistido España, eses padexeiros están automaticamente clasificados para o Mundial (ese o posicionamento que defende a Federación), polo que Pontevedra vai ter a maior participación de nados en Pontevedra nun Campionato Mundial de Maratón”. “Asemade, agora mesmo temos outros catro pontevedreses en Eslovenia nun Campionato do Mundo de Slálom Sub 23 e Xuvenil, unha modalidade na que Galicia ten xa medallas internacionais a pesar de non ter un só canal”, indicou Alfredo Bea.

Neste mesmo sentido, Bea sinalou que “os nosos clubs están desbordados este verán, xa que imos bater tódolos récords existentes en actividade e imos chegar por primeira vez na historia da Federación Galega ás 7.000 licencias (en 2010 eran 1.900), un espectacular crecemento que non ten parangón en ningún outro deporte”. Tal e como avanzou, a actividade do piragüismo continuará este mes con probas de nivel nacional e Pontevedra acollerá en agosto por primeira vez un Campionato de España Máster de Velocidade.