O Concello subvenciona con 50 céntimos o billete do transporte urbano que pode chegar aos 0,85 euros

22

O pleno tratará o vindeiro luns, 19 de xullo, o convenio coa Xunta de Galicia que rexerá as tarifas do transporte urbano na cidade.

O concelleiro de Transporte, Demetrio Gómez afirmou que era “un magnífico acordo” para Pontevedra.

O Concello de Pontevedra aprobará en pleno o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia sobre as tarifas que rexerán o transporte urbano no territorio municipal. Neste convenio o Concello fai unha achega de 204.000 euros dos cales máis de 59.000 son para a anualidade vixente e 145.000 para 2022. Ademais, estarían contempladas catro posibles prórrogas do acordo. O Concello comprométese a subvencionar todas as viaxes con orixe e destino en Pontevedra con 0,50 euros no caso de dispoñer da tarxeta da Xunta de Galicia.

As tarifas do transporte urbano en Pontevedra serán as seguintes:

O prezo de billete para pago en metálico será de 1,50 euros. No caso de que o usuario dispoña de tarxeta de transporte da Xunta de Galicia faráselle un desconto do 10%, é dicir, o billete queda en 1,35 euros. E no caso de que as viaxes sexan con orixe e destino Pontevedra, a esta rebaixa súmaselle a subvención municipal de 0,50 céntimos. É dicir, o billete quedaría en 0,85 euros.

A maiores desta rebaixa, as persoas que empreguen a tarxeta da Xunta e sexan “grandes” usuarios do Transporte urbano poderán beneficiarse doutras subvencións que ten a administración autonómica para este transporte. No caso de superar as 20 viaxes ao mes faráselle un desconto do 20%, e no caso de superar as 40 viaxes, o desconto increméntase até o 50%.

Demetrio Gómez, concelleiro responsable de Mobilidade e Transporte, explicou que se trata “dun magnífico acordo” porque permite poñer en marcha o transporte urbano do que non dispón Pontevedra, e dará un servizo ás parroquias do rural. Ao tempo empréganse todas as sinerxias das dúas administracións resolvendo un problema para os veciños e veciñas.

O acordo será tratado no pleno do mes de xullo, que se celebra o vindeiro día 19, e a continuación poderá asinarse. Logo deberá pasar un período de traballos técnicos para a súa posta en marcha, que se demorará arredor dun mes.

Este convenio compleméntase cun segundo convenio tamén sobre o Transporte urbano de Pontevedra en colaboración coa Xunta de Galicia, que define as liñas urbanas da cidade.

Os dous convenios poranse en marcha ao mesmo tempo.