Igualdade pon en marcha uns Grupos de Apoio para Persoas LGBTI a través do seu CIDES

22
  • A concelleira Yoya Blanco lembra que a coordinadora do centro pontevedrés, Ada Otero, xa viña prestando con éxito este servizo na sede de José Martí con familias de menores trans
  • A socialista asegura que “ante un escenario no que aumentan os descursos e delictos de odio, faise máis necesario que nunca contar cun espazo de desafogo e asesoramento do colectivo”

“Ante un escenario no que os partidos e sectores máis reaccionarios alimentan os descursos de odio e no que o incremento das agresións e delictos homofóbicos, transfóbicos e bifóbicos resulta moi preocupante, faise máis necesario que nunca que as administracións públicas nos posicionemos de xeito contundente e xeremos espazos de desafogo, información e asesoramento para o colectivo LGBTIQA+”. Esta é precisamente a finalidade coa que, segundo asegura a socialista Yoya Blanco, a Concellería de Igualdade está a conformar uns Grupos de Apoio para Persoas LGBTI que serán xestionados polo Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (CIDES).

Tal e como explica, baixo o lema ‘Máis Xuntas que Nunca’, “este servizo municipal pioneiro que acabamos de poñer en marcha na nosa cidade configúrase como un punto de encontro no que tod@s se poidan sentir comprendidos, abordar cuestións que non saben onde falar, resolver dúbidas, coñecer xente que se poida atopar na súa mesma situación e, sobre todo, no que aprender e expresarse con liberdade”. “A coordinadora do CIDES, Ada Otero, licenciada en Dereito e especialista en violencia contra as mulleres, será a encargada de organizar e dirixir as sesións. Ada xa viña prestando con éxito este tipo de servizo cuns resultados moi satisfactorios, pero unicamente con Grupos de Apoio centrados en familias de menores trans, polo que é o momento de estendelo ao conxunto do colectivo LGBTI”, sinala Yoya Blanco.

Todas aquelas persoas interesadas en formar parte dos mesmos poderán contactar co CIDES a través do número de teléfono e whatsapp 676 09 73 39, a dirección de correo electrónico cidespontevedra@gmail.com ou as redes sociais do Centro de Información en Diversidade Sexualidade: CIDESpontevedra (Facebook e Twitter) e @cidespontevedra (Instagram). As reunións dos Grupos de Apoio terán lugar, ao igual que as de familias con menores trans, nas oficinas que o CIDES ten na Praza de José Martí (na mesma sede que Centro de Información á Muller).

Ada Otero avanza que esta acción está pensada para grupos dun máximo de sete persoas, “de xeito que se poida aproveitar ao máximo o tempo con tódolos asistentes”, e que, se ben os días e horarios específicos “pactaranse cos participantes para adaptarnos ás súas necesidades”, as sesións desenvolveranse “con case total probabilidade nas tardes dos mércores, xoves e venres”. Segundo avanza, “agora mesmo xa temos a unhas cinco persoas convocadas para manter unha primeira reunión o xoves 22 de xullo”. 

Casos de agresión confesados nas sesións de orientación

A coordinadora do CIDES explica que, dos 77 contactos rexistrados polo Centro de Información durante o ano 2020 (83 se lles sumamos outros asesoramentos vencellados á confección de currículos e prácticas), 40 delas foron orientacións e acompañamentos persoais sobre xénero e sexualidade, rexistrándose un incremento moi significativo no último semestre do ano. “Houbo un par de casos de persoas que me confesaron ter sofrido agresións LGTBIfóbicas. Eu ofrecinlles a opción de acudir á Oficina de Atención ás Vítimas que hai en Pontevedra, pero ningunha delas me comunicaron a súa vontade de presentar denuncia. Estas confesións saíron precisamente das persoas que veñen a orientación e acompañamento, as que atendo dun xeito máis asiduo ao CIDES, coas que estou un montón de horas falando sobre o que lles sucede: saír do ‘armario’, problemas familiares, atopar traballo…”, apunta Ada Otero.

Á marxe deste eido, no que tamén se abordan consultas que teñen que ver, entre outras cousas, con persoas trans que descoñecían aspectos de carácter xurídico ou non sabían como acceder aos tratamentos hormonais, os demais contactos co CIDES estiveron vencellados a axuda e revisión de materiais, como unidades didácticas para impartir nas aulas (13), dúbidas simples, como o significado de transxénero ou a diferencia entre algúns termos básicos (4), colaboracións con entidades, asociacións e organizacións para ponencias e xornadas divulgativas ou para facilitar información (9), prácticas e currículos (6) e outras (11). Ada Otero actúa en moitas ocasións como ‘titora’ de teses e traballos de fin de grao e de fin de máster centrados en temáticas como a realidade e as problemáticas das persoas trans, a visibilidade do colectivo LGBTI, a construción do xénero ou a teoría queer, guiando no emprego de linguaxe diverso e mesmo preparando a persoas que queren converterse en formadoras nestas materias.

Tras un pequeno parón da actividade motivado pola evolución da pandemia, a tendencia das atencións mantívose nestes últimos tres meses de 2021, cun total de 27 contactos entre maio e xullo, dos que 11 foron relativos a orientación e acompañamento, 7 a revisións, 8 a colaboracións e un a unha dúbida simple.