Tino Fernández anuncia a intención do Concello de poñer as Escolas Deportivas Municipais en marcha no mes de outubro e insta á Xunta a modificar un protocolo que equipare a actividade non federada coa federada

764

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, anunciou esta mañá a intención do Concello de Pontevedra de poñer en marcha as Escolas Deportivas Municipais (EDM) “en canto se poida”, xa que “dispoñemos de tódolos protocolos e temos todo listo”. “A nosa intención -concretou o edil socialista- é sacalas adiante ao longo do mes de outubro”.


Non obstante, Fernández denunciou que “o problema co que nos estamos atopando neste momento é un problema de protocolo da Xunta”, posto que mentres a Administración autonómica non o modifique “atopámonos con que as actividades non federadas teñen unha limitación de seis rapaces en ámbito pechado e de dez en ámbito aberto, o que limita moitísimo as posibilidades de desenvolver as Escolas Deportivas para a maior parte dos clubs de Pontevedra, tanto polo número de monitores necesarios como polos horarios e o espazo precisos para poder realizalas”. Por este motivo, o tenente de alcalde instou á Xunta “a que traballe na modificación dese protocolo e a que nos permita equiparar a actividade non federada á federada, o que nos daría moitas máis posibilidades e faría moito máis sinxelo sacar adiante as EDM”.


“Por parte do Concello de Pontevedra -subliñou o edil de Deportes- non hai ningún problema para abrir as EDM a partires do mes de outubro. Só necesitamos que a Xunta modifique o seu protocolo, tal e como está a modificar os protocolos noutros sectores, para adaptalo ás novas necesidades. Do contrario, algunhas especialidades deportivas o terían moi complicado”.


Tino Fernández amosouse “relativamente optimista” con que a Xunta “sexa sensible á necesidade de modificar o protocolo”, xa que “en canto se cambie, nós dispoñemos de toda a normativa e de todo o preciso para sacalas adiante”. 


En relación ao posible acceso de público ás instalacións deportivas, o edil do PSOE lembrou que “existe unha limitación de aforo e unha obriga de desinfectar unha vez que remata o partido”. “No caso dos equipos de base, si asumimos que entre público, por exemplo, ao partido que se xoga ás 10:00 horas, en canto acabe ese encontro teriamos que parar e desinfectar antes de que entrasen os do seguinte partido, co que perderiamos un tempo moi importante entre partido e partido. Se deixamos entrar aos pais e nais do partido das 10:00 horas, ou ben atrasamos tódolos partidos e perdemos horarios ou non podemos deixar entrar aos pais e nais das 11:30 horas e iso sería un agravio comparativo. No caso das competicións federadas -sinalou-, normalmente hai un só partido, o que fai posible que haxa o público que permite a Xunta”.


Neste sentido, Fernández lembrou que a capacidade “do Concello é a que é, e limpar e desinfectar un campo de fútbol como é o da Xunqueira leva o seu tempo, non se fai en cinco minutos, e iso implica atrasar o resto das competicións e mesmo impedir que algúns partidos se poidan celebrar”. Segundo afirmou, “poñendo na balanza celebrar partidos ou que se xoguen con público, nós decidimos celebrar partidos”. “Ogallá que noutro momento o protocolo cambie e poidamos actuar doutro xeito, pero polo dagora, por prudencia, temos que seguir este protocolo que obriga a desinfectar despois de cada partido. Pedímoslles aos pais e nais que o entendan e que teñan paciencia”, engadiu o tenente de alcalde.