Os centros sociais de Pontevedra volverán abrir en outubro

336

O Concello ten listo xa un protocolo para a súa reapertura, que chegará cunha novidade importante: todos os centros e locais sociais contarán cunha conexión a Internet de boa calidade

Ademais da conexión, estes espazos gozarán dun sistema de seguridade informática de seu, que lles permitirá manter a conexión aínda con caídas da Rede

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou este luns, logo da Xunta de Goberno celebrada na mañá, sobre a reapertura dos centros sociais da cidade. Trátase dunha volta á actividade «inminente», que se fará real co comezo do vindeiro mes, en outubro.

«Paso a paso imos recobrando a normalidade e a verdade que tiñamos moita gana de poder abrir os centros sociais», sinalou Gulías. «Para iso, estamos a facer unha posta a punto que consiste nunha limpeza en profundidade, aínda que cómpre dicir que ao longo de todo este tempo foron feitos traballos de mantemento, polo que é esta actuación é un paso máis para deixalo todo puído. Nalgúns centros a limpeza está máis avanzada que noutros, pero contamos con rematala en todos este mes».

Durante o ano pasado foi elaborado un estudo para coñecer o aforo total de cada un dos centros vinculados co concello pontevedrés. O traballo derivou nun protocolo que será depositado nos centros sociais, que deberá ser respectado segundo as actividades que se vaian facendo e, por suposto, da normativa sanitaria vixente, que segundo as últimas cifras semella un achegamento cara a unha normalidade case total.

Ademais da reapertura como tal, o Concello de Pontevedra quixo transmitir que non só volverán abrir as portas, senón que todos estes centros contarán a partir dese momento cunha conexión a Internet de alta calidade, que vén relacionada co novo contrato de telecomunicacións posto en marcha de xeito recente.

«Unha das cousas que quixemos facer neste novo contrato era dotar de acceso a Internet á totalidade dos centros sociais. Neste contrato, ademais, hai dous puntos importantes: o primeiro é a dotación dun servizo de Internet para 59 centros e locais, cando tiñamos 22 no anterior contrato. O segundo ten que ver coa calidade da conexión e de asistencia, pois estará garantido un acceso a través de ADSL ou fibra óptica, ofrecendo un servizo de alta velocidade que lles permita desenvolver as súas actividades con maior facilidade».

A portavoz do Goberno tamén destacou a implantación dun dobre filtro de seguridade onde o Concello, a través dun acceso remoto, poderá vixiar o servizo en tempo real, coñecendo calquera incidencia ou fallo, para así poder emitir unha resposta áxil e axeitada. Ademais, tamén quedará establecido un servizo especial no caso de emerxencia, unha especie de backup, mediante a entrega dunha serie de tarxetas de telefonía para poder seguir tendo conexión no caso dunha caída xeralizada.