O avance do novo Catálogo rexistra máis 1.000 elementos a conservar no rural

62

Está pendende de incorporar todos os elementos do ámbito urbano, pero até o de agora o Catálogo municipal de 1994 só recollía 88 fichas no ámbito rural.

Tamén se rexistaron 1.887 hórreos e deuse orde de notificar o estado de conservación dos cruceiros por se fose preciso actuar neles.

O equipo redactor do novo Catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural de Pontevedra, Cartafol.Arc (UTE), vén de rematar a primeira fase do traballo cunha batida de campo na que se recolleron máis de 1.000 elementos patrimoniais a conservar só no ámbito rural do concello, e 1.887 hórreos susceptibles de ser protexidos.

Cabe lembrar que o catálogo do Concello de Pontevedra, que foi aprobado no ano 1994 recolle 88 fichas catalogadas no rural, e 71 no ámbito urbano. Ben é certo, que nos últimos anos o Concello xa estaba a traballar tanto coa relación da Xunta de Galicia (con pouco máis de 100 elementos a conservar) así como a listaxe achegada no ano 2004 no proceso de elaboración do Plan Xeral, que non chegou a ser aprobado.

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda explicou esta mañá que esta semana mantívose unha reunión co equipo redactor no que se avaliou o informe ambiental estratéxico aprobado recentemente ao reducirse os prazos por ir por tramitación simple, e tamén se avaliaron os BICs de concellos limítrofes xa que as súas áreas de protección teñen que estar recollidas no novo catálogo.

Analizouse o trazado do Camiño de Santiago Portugués e acordouse elaborar unha listaxe de muros tradicionais para cumprir a obriga da Lei do Solo de protexer estas construcións. A decisión do Concello foi identificar estes muros so en núcleo rural “que son os que teñen máis problemas á hora de dar licenza”, explicou o concelleiro, dado que non teñen obriga legal de recuamento á hora de outorgar as licenzas. Ademais, acordaron fixar uns criterios xerais para posibles muros en solo rústico.

Máis de 1.000 elementos patrimoniais

No primeiro traballo de campo, o equipo redactor detectou máis de 1.000 elementos patrimoniais susceptibles de ser catalogados só no ámbito rural, quedando pendente todo o ámbito urbano.

Nesta primeira fase tamén detectaron 1.887 hórreos e 118 máis que están en estudo para determinar se son tradicionais ou non. A recolleita dos canastros fíxose aproveitando o Voo americano de 1956 e comparándoo con imaxes actuais.

Tamén se acordou que no seguinte paso, de documentación in situ de cada elemento a catalogar, se observase o estado dos cruceiros para detectar se teñen risco de derrube. De ser o caso, notificaranllo ao Concello para que planifique unha conservación de urxencia.

A última fase será a de prospección, achegándose a cada elemento patrimonial para referencialo graficamente e xeolocalizalo. A data de entrega do documento final é o 23 de marzo de 2022.