O programa A Vida é Movernos colabora con Asampo na organización dunha andaina inclusiva polo Camiño Portugués que terá como colofón unha chocolatada con rosca

258

Coa finalidade de promover unha sociedade máis inclusiva e un maior achegamento entre as entidades sociosanitarias e deportivas de Pontevedra, a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, a través do programa A Vida é Movernos, e a Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) impulsan unha andaina inclusiva e unha chocolatada que terán lugar o sábado 13 de novembro. A andaina, que cubrirá unha distancia de 3,7 kilómetros, sairá ás 10:30 horas desde a Praza da Peregrina, atravesando a ponte do Burgo (con fotografía de grupo neste punto), percorrendo a variante da Ruta Xacobea polo paseo peonil da Xunqueira e regresando por Ponte Magueiro, a ponte das Correntes, Arcebispo Malvar e a Praza de España, onde os participantes rematarán a xornada desfrutando cun chocolate quente con rosca (ata esgotar existencias).


Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o principal obxectivo deste evento é fomentar e afianzar a relación entre asociacións a través dunha actividade física para todos e todas”, permitindo ademais que estes colectivos e entidades sociosanitarias se visibilicen a través do seu propio merchandising (camisetas, mochilas…). “Todos aqueles que queiran tomar parte nesta iniciativa -apunta o edil socialista- poderán inscribirse de balde chamando ao teléfono 639 56 42 61 ou escribindo ao email pabloformoso10@hotmail.es”.


Ese mesmo sábado 13 de novembro, Asampo tamén instalará na Praza de España unha mesa informativa para todas aquelas persoas que desexen facerse doantes de órganos e tamén a tradicional Bolsa dos Desexos. Segundo avanza o presidente da Asociación, Francisco José Pérez-Mirás, “os desexos depositados serán levados no mes xaneiro a relevos desde a catedral de Tui ata a catedral de Santiago en 24 horas, depositándose na capela da Corticela, onde alguén os recollerá para acender con eles o botafumeiro”. “Di a tradición -asegura Pérez-Mirás- que os desexos se cumpren, polo que aconsellamos ter coidado co que se desexa”.


Asemade, unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados) desprazarase ata a nosa cidade nesa xornada solidaria e inclusiva, polo que tódolos pontevedreses que queiran achegarse poderán facelo mediante un sistema de cita previa, chamando ao teléfono 900 100 828. “Debe facerse deste xeito por mor das medidas anti Covid-19, para evitar aglomeracións”, matiza Francisco Pérez-Mirás.