O proxecto para ampliar a rede de campos de petanca de Pontevedra con nove pistas dará o martes un paso de xigante coa aprobación do seu expediente de contratación en Xunta de Goberno

46
  • As concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible investirán máis de 130.000 euros neste conxunto de actuacións

O proxecto impulsado polas concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible para dotar a rede de campos de petanca do municipio de nove novas pistas dará este martes un paso de xigante coa aprobación do seu expediente de contratación en Xunta de Goberno Local. Este conxunto de intervencións permitirá incrementar de xeito exponencial a oferta deste tipo de instalacións cada vez máis demandadas entre finais de ano e comezos de 2022, ao pasar estas das 17 actuais a 26.


As novas pistas estarán emprazadas no contorno da igrexa de Monte Porreiro (2), en Pontevedra Leste (na rúa dos Soutos, barrio da Parda), Mourente (Cons), Ponte Sampaio (A Ballota), Verducido (inmediacións da igrexa), Estribela (do lado do parque infantil de Marqués de Valterra) e Marcón (na zona do campo da festa). Unha vez obteñan luz verde da Xunta de Goberno, as obras para a creación destas áreas de xogo deseñadas polo Servizo de Parques e Xardíns, que suporán un investimento global de máis de 130.000 euros (coa incorporación de diversas melloras), poderán sacarse xa a licitación, dispoñendo dun prazo de dous meses para completar o procedemento de adxudicación, co obxectivo de poñerse en marcha cara finais de ano.


O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, agarda que “tendo en conta que o deporte da petanca non para de crecer, este sistema de campos de petanca que estamos a desenvolver nos barrios e parroquias do rural se traduza na conformación de novos equipos e nunhas infraestruturas acordes coa demanda existente en Pontevedra”, así como nunha optimización dos parques e zonas verdes “coa dotación de mobiliario, iluminación, céspede e novas plantacións”. Trátase, como sinala o edil socialista, de xerar “espazos de socialización comunitaria, encontro veciñal e práctica de actividades deportivas e de lecer, con alto valor paisaxístico e confort”. 

O proxecto contempla a subministración de xogos tradicionais de chave e o acondicionamento dos parques con terrizo de 10 centímetros de espesor realizado con xabre granítico (cribado sobre a explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora). Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2, e tamén se proxecta a creación de sendas no perímetro das pistas, coa finalidade de mellorar a comunicación co contorno e de facilitar a accesibilidade a estes espazos mediante camiños de acceso adaptados (en particular a conexión cara lugares de referencia socio comunitaria dos barrios e parroquias). Os bordos exteriores dos camiños que contornan as pistas de petanca serán franxas de céspede ata os límites das parcelas.


O mobiliario dos espazos verdes cumprirá coas axeitadas especificacións desde o punto de vista da funcionalidade, accesibilidade e confort para os usuarios, así como do da integración paisaxística co seu contorno. As actuacións contemplan a incorporación de varias zonas de banco corrido con pés de aceiro galvanizado e de banco circular, todos eles realizados en obra e con asento de madeira. Tamén se propón a instalación dun conxunto de mesa adaptada e banco en cada unha das zonas nas que se crearán as pistas, co obxectivo de facilitar a anotación do tanteo.


En función das necesidades de cada área, construiranse muros de pedra do país (colocada a man en seco ou tomada en morteiro de cemento) para delimitar os parques ou integrar as actuacións na topografía do terreo (contención), así como para protexer o espazo dos vehículos que poidan estacionar nas proximidades de cada zona de estancia. Cando resulte necesario, executarase unha obra de peche mediante malla metálica de simple torsión galvanizada rematada en verde e postes de tubo de diámetro 48 mm de aceiro galvanizado dispostos cada dous metros e recibidos con formigón. Námbolos casos empregaranse materiais tradicionais ou que se integren perfectamente na paisaxe.


Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…) e a plantación de árbores, especies arbustivas e de tempada será a acaída ás condicións particulares da cada espazo. Asemade, cada campo de petanca estará dotado dunha rede de iluminación que permitirá a práctica deportiva a tódalas horas do día, especialmente durante o outono e o inverno.


As intervencións tamén contemplan a instalación de sistemas de rego automatizado mediante o soterrado de tubarías, con rega por goteo, aspersión e difusión, entre estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central.


Pontevedra conta nestes momentos con 17 pistas preparadas para acoller xogos de petanca e chave en Monte Porreiro (2), Mourente (2), Santa María de Xeve (2), San Andrés de Xeve (1), Verducido (1), Salcedo (1),  Bora (2), Centro Sur (2), os xardíns da Deputación (2) e O Burgo (2).