O alcalde apoia a manifestación pola sanidade pública e sinala a insuficiente xestión da Atención Primaria galega

25
A plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada unha manifestación en Santiago de Compostela o vindeiro domingo 14 de novembro
Miguel Anxo Fernández Lores afirma que «non se están a destinar cartos suficientes» e denuncia «un deterioro sistemático do sistema sanitario»

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá un encontro coa plataforma SOS Sanidade Pública co obxectivo de conversar e dialogar sobre a situación actual da sanidade pública, poñendo o foco de xeito especial na Atención Primaria galega. 

Logo de compartir experiencias e puntos de vista, o alcalde, xunto co médico Manuel Martín e o presidente da Federación de veciños Castelao, Juan Manuel Loureiro, deron conta das conclusións deste diálogo, amais de lembrar a proximidade da manifestación convocada para o día 14 de novembro  en Santiago de Compostela, ás 12 horas.

Miguel Anxo Fernández Lores garantiu o apoio do Goberno municipal a nomeada manifestación, facéndolle un chamamento á opinión pública para que se manifeste «porque creo qeu estamos a falar dun servizo público absolutamente básico para todos».

IMG 6361
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto con Manuel Martín e Juan Manuel Loureiro, ademais doutros membros da plataforma SOS Sanidade Pública

«O que hai detrás de todas estas decisións políticas, de adicar máis ou menos cartos a potenciar un servizo básico é o favorecemento da medicina privada», sinalou o alcalde de Pontevedra, logo da intervención de Manuel Martín onde comentou a redución do orzamento dedicado para Sanidade pola parte da Xunta. «Doutra banda, hai xa moitos anos que se vén producindo un deterioro sistemático do sistema sanitario, evidenciado durante a pandemia. É un problema estrutural. Non se está a destinar cartos suficientes á sanidade pública, e especialmente á Atención Primaria, que é o primeiro filtro en asistencia sanitaria. Xa non falemos de medicina preventiva».

O rexedor da Boa Vila comentou tamén o necesario que é investir en sanidade, lembrando que os que máis sofren cando esta non funciona de xeito correcto son os sectores máis vulnerables da sociedade. «É unha decisión política, e nós non diremos que as cousas poden ser resoltas sen máis, pero o que se está a facer agora, non xa de abrir centros, senón de pechar centros… Galicia ten un problema grave de dispersión da poboación. Como vai quedar a xente no rural se non ten os servizos mínimos educativos, sanitarios e sociais para vivir alí?».

Lores agarda que a manifestación do día 14 sirva como unha chamada de atención ao Goberno da Xunta para priorizar o investimento nos servizos públicos básicos «se queremos unha sociedade máis xusta e máis solidaria».