O Concello mellora a sinalización das paradas do Bus Urbano coa instalación de fitos verticais e a renovación gráfica de marquesiñas

132
A nova sinalización permite ter cunha ollada toda a información precisa para coñecermos o funcionamento das liñas

O renovado Bus Urbano da cidade de Pontevedra continúa mellorando día a día. Desta vez, o Concello confirmou a instalación de diferentes elementos gráficos e de sinalización que permitirán coñecer e identificar de xeito accesible e sen lugar a dúbidas os lugares onde paran as novas liñas.

Dunha banda, foron renovadas con novos elementos e motivos gráficos as marquesiñas xa existentes na Boa Vila, que tamén contarán cun plano íntegro que amosa de xeito doado o trazado das liñas existentes e as súas paradas. Doutra banda, estarán os fitos verticais, en paradas onde non existen marquesiñas ou é imposíbel a súa instalación, onde a información vai dun xeito máis esquemático.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, sinalou o bo traballo da empresa pontevedresa ERA á hora de lograr condensar toda a información nestes fitos, incluíndo rutas, prezos e frecuencias. «Colocamos un total de 37 fitos e 18 marquesiñas foron renovadas, restando só a sinalización da Praza de Galicia, que gardamos poder completala no prazo máis breve posíbel», indicou Gómez. 

IMG 6335
Os concelleiros Demetrio Gómez e Xaquín Moreda observando un dos novos fitos instalados nas paradas do Bus Urbano.

«Levará unha sinalización especial porque é o punto central do transporte urbano de Pontevedra», explicou o edil. «O orzamento total para estas actuacións ascende a un total de preto de 42.000 euros. Cremos que a instalación destes novos indicadores, poñer a pé de rúa e de xeito fixo a información do Bus Urbano, suporá un novo impulso para a normalización destas liñas».

Alén do feito até o de agora, o Concello explica que segue a traballar na mellora deste renovado transporte público, recollendo opinións de cara a posíbeis melloras a aplicar nas liñas. «Moitas das ideas que nos traslada a veciñanza son trasladadas á Xunta, mais outras son, por diferentes motivos, imposíbeis ou moi complexas de aplicar. Por exemplo? A creación dunha parada específica nova, pois o convenio está asinado e cambialas suporía a mudanza do convenio, cousa moi complicada. Porén, estamos en contacto continuo coa empresa na procura de melloras que se irán corrixindo coa rodaxe. Unha liña de transporte nunca se pon a funcionar e xa está. Sabemos que podemos mellorar elementos e pequenos detalles e así o faremos».