Noites Abertas abre o seu prazo de recepción de solicitudes para actividades

126
O formulario estará habilitado a partir do vindeiro luns, 8 de novembro, na web oficial www.noitesabertas.gal 
Con máis de dúas décadas ás súas costas, e un dos programas máis exitosos do Concello de Pontevedra

O ciclo Noites Abertas, un das máis veteranos da Boa Vila, cun éxito recoñecido e recoñecible para a área de Xuventude do Concello de Pontevedra, prende motores e agarda crear un novo programa cheo de actividades para a mocidade. O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, informou esta mañá en rolda de prensa da apertura do proceso para a recepción de propostas para Noites Abertas 2022.

«Noites Abertas é unha proposta de ocio que se realiza desde Xuventude para a mocidade entre 12 e 30 anos. Unha oferta de tarde, de noite, que se leva a cabo nas fins de semana, venres e sábados, e que este ano está previsto que se desenvolva entre os meses de marzo e abril do 2022», explicou Oubiña. 

«É un programa que quere ser variado, con propostas que elaboran persoas, asociacións ou empresas. É un programa vivo, con capacidade de adaptación como demostrou na pandemia, o ano pasado, e que está sempre achegado a actualidade, pendente da mocidade, que ela mesma decide que quere. Un xeito diferente e gratuíto de divertirse e, por que non, de aprender».

O edil de Xuventude lembrou que Noites Abertas non se presenta como un ciclo de cursos, senón como un conxunto de actividades diferentes e únicas, para que a xente vaia cando queira e socialice do xeito máis positivo posíbel. «Noites Abertas e volve de verdade, con todo o arsenal que ten nas súas costas, con esa bagaxe de 22 anos de experiencia», sinalou.

Oubiña fixo fincapé na idea de priorizar as propostas orixinais de xente moza, sexan persoas individuais ou asociacións, lembrando ademais que todas as actividades en Noites Abertas son remuneradas, sendo algúns casos as primeiras remuneracións que reciben estas persoas ou colectivos, dignificando o seu traballo e posibilitando primeiras oportunidades de participación no mercado laboral para persoas con inquietudes que querem poñer en práctica o aprendido e o que saben.

O formulario de envío de propostas estará habilitado a partir do día 8 na páxina web oficial de www.noitesabertas.gal e poderá ser descargado e completado por todo aquel que teña a idea de participar e colaborar co programa. A data límite para o envío de solicitudes é o día 8 de decembro.

Na vindeira semana serán iniciadas unha serie de visitas e polos centros de ensino que o soliciten, para poder explicarlle á mocidade destes espazos a posibilidade de entrar en Noites Abertas tal e como se leva facendo nos últimos anos, na procura de novo talento e novas propostas.