O Festival Gastronómico Mestizaxes estenderá mañá o seu horario de apertura até as 23:00 horas ante o rotundo éxito de asistencia rexistrado nestes días

41

“O éxito deste I Festival Gastronómico Mestizaxes está a ser tal que decidimos ampliar o horario de apertura da carpa situada na Praza de España para a xornada de clausura de mañá: inicialmente tiñamos pensado pechala ás 17:00 horas, pero imos estender esta festa de sabores de fóra até as 23:00 horas”. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, quen amosou a súa satisfacción “ante a boa acollida que están a ter a oferta lúdica e as propostas culinarias dos 10 stands instalados neste recinto de mestizaxe e cociña internacional feita desde Pontevedra”.


Unha oferta gastronómica na que, como lembrou a edil socialista, cada un dos restaurantes convidados presenta un menú composto por catro tapas salgadas e un doce. Asemade, tamén hai un posto con café de orixe (nunha reivindicación de que o café tamén é gastronomía) e outros dous para bebidas: a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo achegará o viño e Estrella de Galicia a cervexa. En concreto, os pontevedreses estamos a ter a oportunidade de viaxar polas cociñas de:

  1. Perú, da man de Causa Street Food
  2. México, con La Catrina 
  3. Venezuela, con Arepas Gastrobar 
  4. Xapón, con Kenzo 
  5. Chile, co Saudade 
  6. Brasil, coa Croquetería El Crack 
  7. China, con El Cafetín 
  8. Estados Unidos, con Candela Grill Burguer 
  9. Portugal, como país convidado 
  10. Cociña Internacional Vegana 
  11. Café de orixe, de El Club del Café 
  12. O viño da IXP Ribeiras do Morrazo
  13. A cervexa de Estrella Galicia

O programa de actividades previsto para esta tarde inclúe ademais unha sesión nocturna con DJ T.O.T.S., mentres que na xornada de mañá terá lugar unha sesión vermú (ás 13:00 horas) con este mesmo artista.