O Concello mellora a seguranza viaria e a accesibilidade na contorna do centro de saúde de Ponte Sampaio

38

Está a instalar un paso de peóns sobreelevado e creará dúas prazas de estacionamento: unha para ambulancias e outras para vehículos de persoas con mobilidade reducida.

Aínda que se trata dunha estrada da Xunta de Galicia, o departamento de estradas autorizou a instalación do lombo para acceder con seguridade ao centro de saúde.

Nesta reordenación de espazos crearase unha plataforma que permita empregar con máis facilidade a illa de reciclaxe do lugar.

O Concello de Pontevedra continúa a mellorar a seguranza viaria e a accesibilidade nos puntos de encontro veciñal do rural. Nesta ocasión trátase das inmediacións do Centro de saúde de Ponte Sampaio onde está previsto reordenar os espazos para mellorar a atención das urxencias sanitarias e garantir a seguranza de todos os veciños e veciñas que acoden ao centro sanitario.

A Concellaría do rural que dirixe Raimundo González na parroquia de Ponte Sampaio, inviste 31.450,95 euros nesta actuación que está executando a empresa Obras, Proyectos y Actividades S.L.

Dado que son moitos os veciños e veciñas que se achegan andando ao Centro de saúde, o proxecto recolle a instalación dun paso de peóns sobreelevado que exerce, por un lado, de elemento de calmado de tráfico pero tamén permite eliminar os problemas de accesibilidade da zona colocando ao mesmo nivel as beirarrúas e a calzada. 

O lombo xa está instalado e na vindeira semana a construtora rematará as beirarrúas así como o pintado do propio paso de peóns.

Para instalar este lombo, o Concello solicitou autorización á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia que permitiu a súa colocación, decisión que aplaude o Concello dado que habitualmente o departamento de Infraestruturas da Xunta non autoriza a instalación destes elementos de calmado de tráfico nas súas estradas, aínda que o executen outras administracións.

O proxecto de reordenación dos espazos na contorna do Centro de saúde tamén inclúe a creación dunha praza de estacionamento exclusivo para ambulancias e, ao seu carón, outra para vehículos de persoas con mobilidade reducida.

Finalmente, aproveitando esta actuación, tamén está previsto mellorar o espazo no que se sitúa a Illa de reciclaxe que está nas inmediacións deste ambulatorio. Crearase unha plataforma de formigón que facilite o uso por parte dos veciños e veciñas.