O Plan de Sostibilidade Turística de Pontevedra, elixido polo Goberno central e a Xunta para financiarse cos fondos europeos Next Generation

133
  • A proposta conxunta das concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica e Turismo inclúese entre os 9 proxectos aprobados, de entre os 19 presentados
  • Tino Fernández lembra que as achegas comunitarias suporán unha inxección de 14,6 millóns de euros en Galicia, das que o plan do noso Concello de Pontevedra aspira a obter 2 millóns

O Plan de Sostibilidade Turística deseñado conxuntamente polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica e Turismo logrou ser elixido entre os 9 proxectos consensuados e aprobados polo Goberno central e a Xunta para incluírse dentro dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) que se desenvolverán en Galicia ao amparo do Plan Territorial Litoral e que suporán unha inxección global de 14,6 millóns de euros provintes dos fondos europeos Next Generation na nosa comunidade. Deste xeito, a proposta plantexada por Pontevedra, que competía con outros 18 proxectos presentados á convocatoria extraordinaria destes Plans e cuxa solicitude inicial ascendía a máis de 5 millóns de euros, atópase entre os mellor puntuados na avaliación realizada por ámbalas administracións públicas.

Nesta selecta lista tamén lograron ser aprobados, ademais do de Pontevedra, dous proxectos da Deputación da Coruña (o de Fragas do Eume e o de desenvolvemento do Xeoparque Cabo Ortegal), o das Mariñas-Betanzos, o de Muros e Noia e o dos concellos de Ribeira, Sanxenxo, Marín e Baiona. A boa nova foi avaliada esta mañá, un día despois de que a Xunta lle remitise ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a súa proposta de asignación de fondos para os 9 proxectos elixidos, nunha rolda de prensa na que participaron o tenente de alcalde e voceiro do Grupo Municipal do PSOE, Tino Fernández; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.

“En base á proposta realizada pola Administración autonómica para o reparto deses 14,6 millóns de euros -subliñou Fernández-, aos plans presentados polo Concello de Pontevedra, As Mariñas-Betanzos e Muros e Noia se lles adxudicaría 2 millóns de euros a cada un, o máximo solicitado neste reparto, mentres que aos proxectos da Deputación da Coruña (Fragas do Eume e Xeoparque Cabo Ortegal) e aos dos concellos de Marín e Sanxenxo se lles concederían fondos por importe de 1,5 millóns de euros, e os de Ribeira e Baiona 1,3 millóns. Somos, polo tanto, a única gran cidade galega proposta, xa que no caso de Coruña trátase realmente de dous proxectos coordinados”.

Á hora de puntuar as diferentes propostas (unha puntuación que establece a contía dos fondos que se percibirán) tivéronse en conta os criterios fixados no Plan de Recuperación e Resiliencia, baseados na calidade, coherencia e precisión do proxecto, a vocación turística do destino e o aliñamento coa estratexia de desenvolvemento turístico estatal e autonómico. Ditos criterios de valoración conxunta foron fixados na convocatoria da Estratexia de Sostibilidade Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo (Setur), en coherencia cos eixos de transformación do Fondo Next Generation: transición verde e sostible; eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

Uns potenciais que debemos poñer en valor

Segundo explicou Iván Puentes, “co Plan de Sostibilidade Turística en Destino búscase afondar no exitoso modelo de transformación urbana de Pontevedra, recoñecido internacionalmente, incorporando ao mesmo a dimensión turística e aliñando a nosa estratexia cos obxectivos da Axenda Urbana 2030”. Na súa opinión, “a cidade conta cun gran potencial turístico como capital de provincia e das Rías Baixas, que é preciso poñer en valor a través da unión de recursos culturais, patrimoniais, gastronómicos e naturais”, xa que agora mesmo “non dispoñemos dunha oferta o suficientemente estruturada”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible considera que estes fondos europeos supoñen “unha moi boa oportunidade para converter a cidade en referencia española dos destinos urbanos verdes e sostibles, en especial a través do valor ambiental da estratexia deseñada”. Non obstante, en liña coas orientacións do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, o proxecto de Pontevedra achega un 65% do seu orzamento á Transición Verde e a mellora da eficiencia enerxética como instrumento para loitar contra o cambio climático. En concreto: 43,01% para Transición Verde, 21,5 % para Eficiencia Enerxética, 14,85 % para Transición Dixital e 20,64% para Competitividade Turística. 

Pola súa banda, Yoya Blanco destacou que o proxecto de Pontevedra está aliñado cos obxectivos e estratexias do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, “pero tamén e especialmente coas directrices territoriais para a nosa comunidade”. “O PSTD de Pontevedra permite non só incidir na posta en valor do borde litoral, nun espazo de gran valor ambiental como é a ría de Pontevedra, senón que tamén propón o desenvolvemento dunha estratexia para o impulso da enogastronomía da cidade, como elemento nuclear da estratexia turística proposta a través da marca Pontevedra Capital Gastro, e intervén no embelecemento e posta en valor do casco histórico e a zona monumental, declarados Ben de Interese Comunitario (BIC) en 1985”, sinalou a concelleira de Turismo, quen salientou a participación do sector privado “non só no deseño do Plan, a través de mesas sectoriais e cartas de apoio, senón tamén na implementación do mesmo”.

As accións máis destacadas

Entre as accións concretas máis destacadas dentro da proposta remitida polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Turismo de Pontevedra contémplanse as seguintes:

  1. Continuación da Vía Verde do Salnés: unión da senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez, a Ruta Xacobea e outros camiños preexistentes empregados por ciclistas. 
  2. Conexión da cidade cos parques forestais do contorno (A Tomba, A Fracha e O Pontillón do Castro): a conectividade farase a través do contorno dos ríos, mediante sendas fluviais.
  3. Programa de iluminación eficiente de espazos naturais.
  4. Observatorio turístico: creación dun Observatorio de Turismo para realizar un seguimento da actividade turística en Pontevedra. 
  5. Pontevedra Capital Gastro: realización de actividades culturais vencelladas á gastronomía (showcookings, concursos de tapas, colaboración con restauradores, foros, xornadas e festivais gastronómicos específicos). Baixo o paraugas desta marca tamén se inclúe a recuperación do recetario tradicional de Pontevedra, o aproveitamento do Gastroespazo do Mercado de Abastos e a realización dun plan de enogastronomía. 

Yoya Blanco indicou que a proposta do Concello Pontevedra tamén contempla, no apartado de mellora da eficiencia enerxética, a dotación de sistemas de calefacción eficientes e toldos descontaminantes para terrazas de locais de restauración; o impulso do márketing dixital, redes sociais, app, realidade aumentada, sinalización de puntos de interese turístico e accesibilidade universal aos mesmos grazas ás novas tecnoloxías; o embelecemento do casco histórico; o acondicionamento de espazos privados da zona monumental para uso turístico (como acontece cos patios interiores de Córdoba); o fomento de fam trips, blog trips e feiras virtuais; a formación para o sector turístico e o plan de destino, de cara a mellorar a formación do persoal, e organización de rutas históricas de carácter histórico, social, artístico ou paisaxístico.

Entre os puntos fortes da proposta presentada por Pontevedra, Tino Fernández subliñou “a dimensión ambiental do proxecto, ligada á ría de Pontevedra, ao río Lérez, aos seus afluentes e marismas, a un turismo slow e que teña a calidade como principal argumento; o avance nun modelo de mobilidade turística sostible, non contaminante e saudable, no que se potencien os desprazamentos a pé e en bicicleta, a través da recuperación de infraestruturas como o antigo trazado da liña do ferrocarril e mediante a mellora da conexión da cidade cos espazos naturais periurbanos, os ligados ao río Lérez e aos seus afluentes e aos parques forestais, e o seu aliñamento coas directrices fixadas no Plan Territorial, actuando no litoral, o casco histórico e a enogastronomía”. 

“Deseñamos un plan moi ambicioso, tanto polos obxectivos que persegue como polo seu importe económico, pero parece que o Goberno central e a Xunta foron quenes de visualizar as potencialidades de Pontevedra e, sexa cal sexa a cantidade final, axustaremos as nosas accións para situar á nosa cidade como referente internacional, tamén no ámbito do turismo sostible”, apuntou Tino Fernández.

O tenente de alcalde incidiu na importancia de que a nosa cidade fose incluída nesta liña de financiamento, xa que “estas axudas supoñen que Europa pensa en Pontevedra e que Pontevedra pensa en Europa como un mercado e un destino no que xa estamos, pero no que temos que estar moito máis”. Ao seu xeito de entender, estes Fondos Next Generation “son unha oportunidade, probablemente a maior oportunidade na historia de España, de mover cantidades de cartos que permitan transformar este país e facelo avanzar en moitos eidos”. 

“Os socialistas queremos que esta oportunidade non pase de largo por Pontevedra -afirmou o voceiro do Grupo Municipal do PSOE- e niso empeñamos o noso traballo e esforzo. Un traballo e esforzo de meses, buscando as mellores alternativas e solucións, que quero agradecer aos meus compañeiros e que fixo que Pontevedra tamén conte neste reparto de fondos europeos… Nós nos propuxemos poñer a Pontevedra no mapa de España e de Europa e empregar toda a nosa capacidade de influenza alí onde fose preciso”.

O tenente de alcalde tamén fixo fincapé na relevancia das sinerxías entre as distintas administracións públicas, que “cando somos capaces de afastar diferencias e traballar na mesma dirección, temos máis sinxelo conquerir obxectivos”. “E neste caso -engadiu- hai que valorar que as administracións central, autonómica e local funcionaran con esa sinerxía necesaria para avanzar e dotasen a Pontevedra dunha ferramenta que a axudará a consolidarse nese referente europeo de cidade amable, sostible e gastronomicamente apetecible, para que os europeos e europeas teñan en conta á hora de trazar as súas viaxes”.