Os Xardíns que Falan instan á sociedade a sentar, reflexionar e non calar ante o machismo

64

Por segundo ano consecutivo, os Xardíns que Falan volven alzan a voz para sumarse á conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e enviar unha tallante mensaxe reivindicativa. Así, a iniciativa impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, preparou nos xardíns de Casto Sampedro unha composición de flores e bolboretas violetas e instalou un banco morado no que pode lerse a seguinte invitación a reflexionar: ‘Senta e pensa… No último machismo ante o que calaches #25N’. Tamén os da Praza de España amaneceron cunha fermosa composición floral, conformando unha senda percorrida por unhas katiuskas desa cor violeta que simboliza a loita feminista.


Para a realización destas composicións artísticas, o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes contou coa colaboración da empresa Troquiña, especializada en xardinería e paisaxismo. O banco reivindicativo foi inaugurado esta mesma mañá nun acto no que participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, acompañados doutros militantes socialistas que asistiron ao remate do acto institucional Violencia Zero.


Xa en 2020, o proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible, que vén participando con outras espectaculares instalacións artísticas noutras datas sinaladas ou eventos como a semana do Orgullo LGTBIQ, o Samaín, o Aninovo ou mesmo a campaña de vacinación, adheriuse aos actos do 25N coa colocación dunha porta violeta co lema ‘Xa abonda de minutos de silencio’ nos xardíns da Praza de España e cunha intervención que lembraba o número de vítimas mortais que o machismo se levara por diante desde que hai datos rexistrados (2003). Tal e como subliña Iván Puentes, “a iniciativa Xardíns que Falan naceu co obxectivo de converter as zonas verdes urbanas en espazos vivos, que interactúan coa cidadanía, que se suman ás conmemoracións e celebracións e que, como acontece neste caso, serven para poñer de manifesto o posicionamento desde Concello a prol dun mundo feminista no que o terrorismo machista non teña cabida en ningunha das súas expresións”.


“A nosa loita segue a acadar avances, pero aínda queda moito camiño por percorrer. Por desgraza, temos metabolizados e normalizados determinados comportamentos machistas que non o son e vai sendo hora de sentar a pensar sobre eles e comezar a erguer as nosas voces contra eles. Non podemos ollar cara outro lado. O machismo non pode contar coa nosa complicidade nunha sociedade decente”, sinala o edil do PSOE.


Ao igual que en anteriores intervencións, empregadas por multitude de pontevedreses e turistas para sacar fotografías e subilas a redes sociais, Puentes convida a veciños e visitantes “a sumarse a esta campaña polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres fotografándose, subindo as imaxes a Facebook, Instagram ou Twitter e empregando os hashtag #XardinsqueFalan e #25NPontevedra”.